CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Xosé M. Folla Respino de Vilamartín pon en marcha o programa PequeChef para fomentar hábitos saudables

 

Tralas vacacións de Nadal o CEIP Xosé Manuel Folla Respino no mediodía deste xoves 15 de xaneiro, no descanso do comedor, daba comezo ao programa educativo PequeChef, unha iniciativa dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria co obxectivo de “promover hábitos de alimentación saudables, o traballo en equipo e a autonomía persoal desde idades temperás”, explican dende o centro educativo.

A través de actividades prácticas e lúdicas, o alumnado terá a oportunidade de achegarse ao mundo da cociña de maneira segura e adaptada á súa idade, aprendendo sobre alimentos, nutrición básica e a importancia dunha dieta equilibrada. O programa “busca tamén reforzar valores como a cooperación, a responsabilidade e o respecto polos alimentos, aseguran desde o colexio, destacando a boa acollida da iniciativa por parte do alumnado, que participou con entusiasmo nas primeiras sesións, así como a implicación do profesorado na posta en marcha do proxecto.

 

 

Nesta primeira xornada os pequenos chefs preparaban unhas divertidas e ricas tostas con pan de molde e outros aliemntos como queixo para untar, anchoas ou tomates Cherry, entre outros.

PequeChef intégrase dentro das accións do colexio para fomentar un estilo de vida saudable e unha educación integral. Con este tipo de propostas, o CEIP Xosé Manuel Folla Respino continúa apostando por metodoloxías activas e experiencias educativas que favorecen a aprendizaxe significativa e o desenvolvemento persoal do seu alumnado.

Fotos cedidas.

Back to top button