Ante a grave emerxencia que se vivía a mediados de agosto, a sociedade vianesa mobilizábase. Un grupo de persoas de forma voluntaria, co respaldo do Concello de Viana do Bolo asistía e xestionaba a coordinación dos voluntarios a través do denominado “Centro de Coordinación de Crise” (CCC). Agora veñen de facer público o balance do seu importante labor, crucial nunha situación tan extrema como a vivida. “Máis de 500 persoas ofreceron o seu tempo, as súas ferramentas, os seus tractores, as súas casas e habilidades. Nunca en Viana viuse tal despregue de xenerosidade e solidariedade en tan pouco tempo”, destacan dende o CCC.
Así dende o pimeiro momento dos lumes o pobo vianés organizábase “dun xeito extraordinario e efectivo” en diferentes tarefas: preparando bocadillos, batelumes caseiros ou doando materiais de protección imprescindibles para os voluntarios que estaban freando o lume. E isto centralizábase e xestionábase desde o CCC, en mans dun grupo de voluntarios que, co respaldo do Concello de Viana, asistía e xestionaba a coordinación.
As súas tarefas centrábanse en “ofrecer información clara e actualizada sobre os lumes e como acceder aos recursos dispoñibles, verificar información e comunicación cos pobos afectados, levar un seguimento continuo do estado dos lumes e das intervencións realizadas, organizar brigadas de voluntarios a focos de lumes, xestionar equipamento das devanditas brigadas con material de protección e ferramentas, obter material, ferramentas e comida; ademais de xestionar e distribuír avituallamento, e cooperar con outros equipos e axencias de intervención para optimizar a resposta e asegurar a cohesión dos esforzos de distribución de material doado a outras zonas afectadas fóra da comarca vianesa”, tal e como eles mesmos explican.
Así o CCC coordinaba a máis de 500 voluntarios, máis de cen camas de emerxencia, máis de 500 quilos de froita, unha loxística con voluntarios con máis de 4.500 quilómetros, máis de 8.000 litros de auga e máis de 800 de leite, xunto con máis de 2.000 bocadillos, máis de 350 batelumes, uns 3.500 km en viaxes para a extinción de lumes, intervencións en 9 concellos e tres povincias, máis de 5.000 horas de voluntariado e máis de 10.000 km en viaxes relacionados con doazóns, tal e como recollen no informe final realizado ao rematar a situación de emerxencia.
“Tantas e tan xenerosas foron as doazóns, das cales a gran maioría quixeron ser anónimas, que decidimos non publicar a listaxe e optar por lanzar un agradecemento ao colectivo polo seu esforzo abrumador”, din estes voluntarios.
Os protocolos de comunicación do CCC estableceron sistemas para un intercambio de información eficaz entre dispositivos e persoas durante esta crise, “utilizando redes sociais para difundir alertas e asistencia. Os nosos obxectivos foron: contrastar información para poder ofrecer mensaxes claras, manter a tranquilidade e coordinar a resposta e actuación dos voluntarios; seguindo as directrices de diferentes axencias como a UME, Distrito 14, Garda Civil e o exército. Tentouse que a comunicación seguise os seguintes principios para que fose efectiva: claridade e precisión”.
Por outra banda, “a información era actualizada de maneira regular para mantener informada á comunidade. Desde o CCC redactábanse boletíns cada día que se publicabanen as RRSS do Concello. Cremos que a recolección de datos de intervencións e doazóns foi importante por dúas razóns: ao ser un grupo de voluntarios, queremos que as nosas decisións, doazóns recibidas e accións queden reflectidas en todo momento, para transparencia e evitar malentendidos. A información será importante en futuras decisións para basearse en datos reais e relevantes”, matizan.
Pero esta organización pretende ademais manterse viva de cara a recuperación a longo prazo a través da solidariedade e participación. “Debemos continuar a colaboración comunitaria para reconstruír e mellorar as capacidades da comarca de Viana, evitando a dependencia exclusiva de axudas externas, xuntos podemos, pero debemos organizarnos mellor”. Neste senso, fan un chamamento ao voluntariado para “apoiar os esforzos de recuperación nos ámbitos da limpeza, replantación e prevención” e tamén á capacitación continua suxerindo “integrar brigadistas comunitarios capacitados que poidan asistir á poboación en futuras emerxencias”.
O informe do CCC conclúe cunha serie de recomendacións e indicando que “desafortunadamente a situación tan extraordinaria que sufrimos, converterase no ordinario. Por iso, todo o que se aprendeu debe implementarse de maneira oficial e efectiva cun protocolo de emerxencia/crise que permita evitar o caos inicial e as devastadoras consecuencias en ditas situacións”. Tamén se fai especial fincapé nos agradecementos colectivos. “Grazas a todos, a vosa solidariedade, dedicación e valentía foron piares fundamentais para protexer os nosos fogares e o noso espírito. Grazas á vosa unidade e traballo en equipo, puidemos superar esta adversidade e estamos máis unidos que nunca, listas para mirar cara adiante con esperanza e fortaleza”.
Fotos cedidas polo CCC de Viana do Bolo.