EconomíaEconomíaÚltima hora

O Centro de Coworking do Bolo organiza un curso de busca de emprego

 

O luns día 1 de setembro a Oficina de Emprendemento e Dixitalización do Bolo poñía en marcha o Centro Coworking, situado no edificio da antiga casa cuartel, preto do Castelo.

Tal como informan dende o Concello, nestas novas instalacións aténdese a todas as persoas interesadas en ter información de como buscar emprego e/ou empezar no mundo empresarial. Ademais da información, está preparada unha sala de reunións e espazos para traballar e empezar a aventura empresarial. “O horario de apertura inicial será de luns a venres de 10 a 13 horas e se as persoas interesadas en traballar neste espazo precisan máis horas poden solicitalo no concello”, indican dende o Concello, asegurando que estas instalacións contan con aceso a internet e impresión de documentos de traballo de balde.

 

 

O coworking forma parte dun proxecto que se chama “Hub de iniciativas sostibles municipais” financiado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco).

Unha vez habilitado o espazo para traballar será tamén un local multiusos no que se impartirán cursos de formación. O primeiro curso, que se desenvolverá do 8 ao 11 de setembro, ten xa aberto o prazo para anotarse. Nel ensinarase a elaborar currículos, preparar entrevistas de traballo e saber en que páxinas se pode buscar traballo. Un curso que se repetirá máis adiante.

 

 

“A idea é montar novos cursos que axuden ao emprendemento e auto emprego nos eidos de viticultura, apicultura e a venda de produtos”, adiantan, destacando que estase a montar unha formación de ‘Venda por servizo de WhatsApp’ en colaboración cos Polos de Emprendemento da comarca de Valdeorras.

Máis información, reserva de prazas nos cursos e apertura do centro de coworking no teléfono do Concello: 988 32 30 30.

 

Back to top button