
Os centros de atención a persoas maiores da provincia de Ourense do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencentes á rede de atención ás persoas maiores da Xunta, continúan este inverno cun amplo programa de actividades dirixidos á comunidade.
Os centros de Vilardevós e Allariz impartirán uns obradoiros de estimulación cognitiva abertos á contorna. No caso de Vilardevós os talleres xa se iniciaron no mes de Xaneiro, mentres que os de Allariz comezarán ó día 20 Febreiro, ás once da mañá; unha iniciativa que promove a participación da veciñanza do pobo.
Do mesmo xeito, o centro de día de Xinzo iniciou a actividade “Escola de adultos”, ampliando a oferta formativa e de aprendizaxe ao longo da vida; por outra banda, o Centro de Día da Rúa deu comezo ao obradoiro “Eu cóidome, e ti?” , unha iniciativa onde se traballa a autoestima e o autocoidado; mentres que o Centro de Día de Maceda desenvolve o taller “Poñámoslle sentidiño”, orientado a reforzar a autonomía das persoas maiores.

O mes de febreiro convértese no gran protagonista, Maceda, Allariz, Xinzo de Limia, A Rúa e Vilardevós participarán nos desfiles de Entroido, asistindo nalgúns casos aos desfiles oficiais e noutros aos infantís; de igual forma todos os centros celebrarán a festa do Entroido coas persoas usuarias, familias e traballadores.
Vilar de Barrio iniciará en febreiro unha nova edición da súa actividade interxeneracional “Decor-Arte”, ademais levarán a cabo unha charla o día 23 ás 11 horas sobre prevención de caídas, axudas técnicas e exercicios específicos.
Finalmente A Rúa, celebrará o seu XIV aniversario cun obradoiro de doces tradicionais de Entroido, combinando celebración, tradición e convivencia.
Os centros de maiores consolídanse así como espazos vivos e abertos, axentes activos da súa contorna. Por un lado, as persoas usuarias participan na vida comunitaria, e polo outro, a veciñanza pode achegarse a coñecer os servizos e actividades que se ofrecen, fortalecendo así o vínculo de xeracións.