
Os centros atención a persoas maiores da provincia de Ourense do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencentes á rede de atención ós maiores da Xunta de Galicia, arrincan outubro con novas actividades dirixidas á comunidade. A oferta exténdese dende a comarca de Valdeorras ata a de Allariz-Maceda, pasando pola da Limia e pola de Verín.
A programación, que se desenvolverá entre outubro e decembro, inclúe unha serie de talleres abertos á poboación maior. Entre as actividades destacadas, o centro de día de A Rúa e o centro de día de Maceda comezarán o obradoiro “Eu cóidome, e ti?”, na primeira semana de outubro.
Outros centros poñen en marcha iniciativas para fomentar o benestar físico e psicosocial. Así, o centro de día de Xinzo de Limia e o de Vilardevós iniciarán na segunda semana de outubro o obradoiro “Escola de adultos”, un espazo para a formación continua dos maiores. Pola súa parte, no centro de día de Vilardebarrio dará comezo un obradoiro de Ximnasia Terapéutica o 20 de outubro.

Neste amplo abano de accións tamén se inclúen charlas sobre coidados a persoas en situación de dependencia os días 14 e 24 nos municipios de Vilar de Barrio e Vilardevós. Neste último, o día 21 de outubro organízase ademais unha xornada de portas abertas para que todas as persoas interesadas podan achegarse a coñecer as súas instalacións e servizos.
Os centros de maiores consolídanse así como axentes activos dentro da súa comunidade. Por un lado as persoas usuarias continúan participando da súa contorna e polo outro a veciñanza pode beneficiarse de servizos especializados e con unha gran oferta de actividades.