CulturaCulturaÚltima hora

O Centro de Día de Quiroga conmemora as Letras Galegas coa elaboración dun libro sobre Begoña Caamaño

 

O Centro de Día de Quiroga súmase á celebración das Letras Galegas coa elaboración dun libro sobre Begoña Caamaño, a homenaxeada desta edición. Os usuarios do centro elaboraron, coa axuda de persoal do centro e de AFAMON (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte de Lemos) un xigantesco libro no que se recolle a vida da escritora viguesa, facendo un repaso pola súa obra literaria, o seu traballo xornalístico e a súa loita pola  igualdade entre homes e mulleres, pola solidariedade e polos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos implicándose co feminismo e cos diversos movementos sociais en que participou.

Para a presentación deste traballo achegouse o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, quen se encargou de trasladar o libro ata o bar do Centro Social onde estará exposto durante todo este mes de maio para que o poidan ver todos os veciños e veciñas.

 

 

O equipo de goberno quirogués e a Concellería de Servizos Sociais manifestaron estar moi orgullosos do traballo das usuarias e usuarios do Centro de Día lembrando a figura de Begoña Caamaño.

Con este tipo de actividades búscase, matizan dende o Concello de Quiroga, “ofrecer lecer activo para as usuarias e os usuarios coa realización de traballo intelectual que serve para combater o deterioro cognitivo e divulgar a vida e obra de intelectuais  galegas/os que deixaron legado polos seus valores, a súa pegada literaria e o seu compromiso con Galicia. Con todo, tamén se pon en valor a celebración dunha data tan relevante para o galego como é o 17 de maio”.

Fotos: RTM Quiroga.

Back to top button