
O Centro de Formación e Recursos de Ourense, que se encarga de mellorar a cualificación dos profesorado da provincia, está a realizar este curso máis de 500 actividades para os docentes. Así o puxo de manifesto o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, na visita que facía a este centro dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para analizar o desenvolvemento do Plan anual de formación do profesorado. Neste senso, o representante da Xunta felicitou ao equipo deste centro polo traballo levado a cabo.
Trátase de actuacións que poden ter lugar tamén nos propios centros, individuais e grupos de traballo e seminarios, que se traducen en máis de 5.000 horas de formación. “Isto pon de manifesto o alto nivel de participación e compromiso do profesorado e o bo traballo do equipo do centro”, afirmou o director xeral da Consellería de Educación.

O Centro de Formación e Recursos de Ourense dá cobertura a un total de 166 centros educativos que, grazas aos seus propios plans personalizados, programan 315 actividades formativas. As máis numerosas (90) son as relacionadas coa área de didáctica, para mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe e na actualización metodolóxica. Séguenlle as de convivencia e inclusión, con 68 actividades, o que evidencia o compromiso coa creación de contornos escolares máis equitativos e respectuosos.
No ámbito dixital, centrado no reforzo da competencia tecnolóxica e na integración das ferramentas dixitais na práctica docente, desenvolvéronse 51 actividades; mentres que a comunicación e o plurilingüismo concentran outras 44 actividades. No ámbito da innovación e a investigación, realizáronse 31 actividades para fomentar a reflexión pedagóxica e a incorporación de prácticas innovadoras en colexios e institutos. “En definitiva, unha oferta formativa ampla e equilibrada, aliñada coas necesidades actuais e orientada á mellora continua da práctica docente”, destacou o director xeral.