CulturaCulturaÚltima hora

O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar acolle a proxección de El cuento del lobo dentro da programación do OUFF

Ao rematar a proxección, os internos tiveron a oportunidade de compartir impresións e dialogar co director do filme, Norberto López

 

Esta mañá, o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar acollía a proxección do filme El cuento del lobo, dirixido por Norberto López Amado. A actividade enmárcase dentro do programa OUFF Social, unha iniciativa que busca achegar o cinema a espazos non convencionais, promovendo a reflexión crítica e contribuíndo á transformación social a través da cultura audiovisual. A xornada incluíu cun coloquio entre os internos e o director do filme, que permitiu afondar nos contidos da obra e establecer un diálogo directo e enriquecedor.

O director do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, Francisco González Pérez, expresou o seu agradecemento pola posta en marcha desta iniciativa, destacando que contribúe a transformar a imaxe que a sociedade ten deste tipo de institucións. Ademais, sinalou que actividades como esta supoñen un «sopro de aire fresco para os internos», ó ofrecerlles propostas culturais diferentes que enriquecen o seu día a día.

O director artístico do festival, Óscar Doviso, destacou a satisfacción do OUFF por poder colaborar con iniciativas como esta, que contribúen a levar o cinema a todo tipo de espazos. «Actividades deste tipo alimentan o espírito, rompen a rutina dos internos e axudan a derrubar estereotipos sociais», sinalou. Tamén, o director do filme, Norberto López Amado, manifestou a súa «ilusión por participar nesta proposta», subliñando a importancia de que o seu traballo poida formar parte dunha experiencia tan significativa.

 

 

 

Por último, o director técnico do festival, Marcos Vázquez, destacou que unha das intencións do OUFF é achegar «un pouquiño do festival ó centro penitenciario, permitindo que os internos tamén poidan gozar do cinema». Ademais, quixo poñer en valor o compromiso da Deputación de Ourense co Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, reafirmando a vontade de seguir impulsando iniciativas culturais e deportivas que favorezan a visibilidade do centro.

El cuento del lobo

El cuento del lobo é un thriller psicolóxico que nos mergulla na historia de Olga e Javier, unha parella de clase media que presencia como a moza que limpa na súa casa recibe mensaxes ameazantes no móbil. Ó decidir intervir, vense arrastrados a unha espiral de tensión e dilemas morais que transforman radicalmente as súas vidas.

Back to top button