CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación contará por primeira vez con cornamusas mediterráneas

Este evento cultural terá lugar os días 25 e 26 de xullo en Manzaneda onde se darán cita centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal

 

O municipio de Manzaneda converterase novamente no epicentro da música tradicional coa celebración do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación, o IX Serán de Seitura e a Noite Celta, que terán lugar os días 25 e 26 de xullo. A presentación deste evento tiña lugar na mañá deste mércores 15 de xullo no Pazo Provincial, nun acto no que participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

O evento que é “un referente do folclore na Península e un gran complemento educativo á actividade da Escola de Gaitas”, dixo Rosendo Fernández, reunirá a centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal. Neste sentido, Foxo dixo que “Manzaneda foi un referente dos cantares de seitura” e que este certame contribúe a “poñer en valor os cánticos históricos e a dignificar a figura das cantareiras”.

Como novidade, nesta edición, o Certame traerá bandas de gaitas de Baleares, achegando as “cornamusas mediterráneas” a este evento, “o máis internacional de gaitas que se fai en Ourense e en toda Galicia”, sinalou Foxo, quen destacou o papel da Deputación como “exemplo de administración” que apoia a cultura.

Pola súa parte, Cecilio Santalices puxo en valor o carácter “histórico, etnográfico e cultural” deste certame que actúa como “factor dinamizador para toda a comarca”.

Programación

A cita comezará o sábado, 25 de xullo coa posta en valor do patrimonio oral e etnográfico a través do IX Serán da Seitura, a partir das 19:30 horas na praza da Igualdade. O evento, ademais de contar con diversas actuacións, servirá para render tributo á memoria de Ludivina Pérez Ricoi cunha ofrenda floral ante o seu monumento, ademais de render unha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto da Vidueira.

Posteriormente, o programa continuará coa Noite Celta, que será ás 23 horas na Estación de Montaña de Manzaneda; e ao día seguinte, o domingo 26 de xullo, no Campo de Competicións de Cabeza de Manzaneda, terá lugar a gran fase final do certame, que rende memoria a Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995.

Back to top button