A música marcaba na mañá deste 4 de abril o inicio da segunda xornada da XLIV Feira do Viño de Quiroga. Así a partir das 11:30h. tiña lugar o XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, no que se lle tributaba unha sentida homenaxe a Xan de Vilar.
O memorial reunía a 12 agrupacións, sete da provincia de Ourense e dúas da Coruña, mentres que a provincia de Lugo estaba representada pola bandas de Monterroso e Chantada e por Toxo Queimado. Ás 11:30 horas as agrupacións participantes desfilaban desde a Casa da Cultura ata a Praza de España, onde despois se iniciaba o campionato.
Durante toda a mañá a ducia de bandas de gaitas participantes recorreron o recinto feiral antes de comezar a súa competición. Nesta mañá tamén numeroso público se achegaba ata o recinto feiral para degustar o viño das catorce adegas participantes.

O outro dos actos que marcan esta xornada será o pregón, ás 20:30h., o pregón, que nesta edición correrá a cargo do actor Edu Soto no palco do recinto feiral. Unha vez remate encargarase de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas; e tamén de facer entrega do premio á gañadora do concurso do cartel anunciador da feira, e do premio ao establecemento gañador do concurso “Val de Quiroga de Tapas” .
Nesta xornada non faltará a música. Durante a tarde o recinto feiral estará amenizado pola charanga CLK e a partir das 23:30 actuación do grupo “La banda de ayer”.
Fotos: RTM Quiroga.
