OurenseÚltima hora

O choque entre un camión e un turismo na N-120, en Velle, deixa unha persoa ferida

 

Unha colisión entre un camión e un turismo na tarde deste xoves 19 de xuño deixaba unha persoa ferida en Ourense, segundo o 112 Galicia. “Trátase do condutor do camión, que foi axudado a saír polos bombeiros e finalmente trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia”, indican os xestores do 112 que tiñan constancia deste accidente contra as 14:50 horas, a través da chamada dun particular que “acababa de presenciar unha saída de vía dun camión, que acabou colidindo contra un talude e un turismo no quilómetro 563 da N-120, en Velle. O condutor parecía incapaz de saír polos seus propios medios”.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ourense, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil do municipio.

“Os bombeiros valoraron a situación e confirmaron que non era necesaria a excarceración do ferido, aínda que si o axudaron a saír do camión. A continuación, foi evacuado en ambulancia”, conclúen dende o 112.

Back to top button