SanidadeÚltima hora

O CHUO, á vangarda nacional no manexo da cirurxía robótica en cancro de mama

A unidade de cirurxía de mama do Hospital Universitario de Ourense utiliza a cirurxía robótica para a realización de mastectomías con reconstrución mediante prótese mamaria

 

O Servizo de Cirurxía do Hospital Universitario de Ourense realizou na mañá de hoxe un procedemento de mastectomía bilateral asistido por cirurxía robótica co obxectivo de extirpar o tecido mamario dunha paciente como forma de tratamento preventivo da aparición dun cancro de mama debido ao seu alto risco xenético. “A unidade de cirurxía de mama do centro ourensán sitúase á vangarda nacional na utilización da cirurxía robótica para cirurxía de mama xa que leva un total de vinte e tres intervencións converténdose xunto a Hospital Germán Trías de Barcelona no centro nacional con maior actividade cirúrxica neste tipo de procedementos”, destacan dende a área sanitaria ourensá.

Ademais tamén se converte nun referente para a formación de especialistas no manexo desta técnica xa que o doutor Manuel García García, Xefe de Servizo de Cirurxía Xeral do CHUO, será nomeado como o instrutor autorizado no territorio nacional para a aprendizaxe desta técnica. Na mañá de hoxe estiveron dous especialistas do servizo de cirurxía da Área Sanitaria de Ferrol acompañando ao persoal da unidade ourensá para coñecer a utilización de primeira man deste procedemento cirúrxico.
Esta técnica de mastectomía con reconstrución mamaria asistida polo robot Da Vinci foi realizada por Manuel García García, que estivo acompañado polos cirurxiáns Purificación Fernández e Manuel Domínguez Carrera do centro hospitalario ourensán.

O doutor Manuel García sinala que “esta cirurxía permite realizar feridas máis pequenas, lesionar menos a pel e mellorar a estética, posto que a cicatriz limítase a unha mínima incisión na axila. Ademais a utilización do robot supón menos complicacións postoperatorias tendo a mesma seguridade oncolóxica que a cirurxía convencional. Polo tanto supón un paso máis en cuanto a calidade e seguridade”.

A Cirurxía Robótica Da Vinci aborda a mastectomía pola liña axilar mediante unha pequena cicatriz de 4 cm que permitirá retirar a totalidade do tecido mamario preservando a pel da mama con diminución dos posibles hematomas ou linforragias. Polo tanto provocará unha maior recuperación postoperatoria, cicatrices aínda menos visibles, diminuíndo os posibles riscos cirúrxicos e a estancia hospitalaria e favorecendo unha cirurxía menos traumática con respecto ás anteriores.

Unha das grandes vantaxes con respecto á cirurxía endoscópica é a visión en 3D e alta definición que ofrece o robot, sumado aos movementos en 360º das pinzas, que permiten unha precisión e amplitude do cen por cento, facendo posible a coagulación de vasos e estruturas que moitas veces son imperceptibles ou inaccesibles na cirurxía convencional. A liberdade coa que se poden manipular as pinzas fai que se adapte moi ben á disección do músculo, favorecendo a menos dor postoperatoria e mellor control hemostático.

A utilización da cirurxía oncolóxica de mama con Da Vinci non mellora os resultados oncolóxicos, que xa son suficientemente positivos, cunha supervivencia próxima ao 90%, pero si mellora a calidade de vida das pacientes. Pódense aplicar en todas aquelas pacientes seleccionadas que cumpran os requisitos para someterse a este tipo de mastectomía profiláctica que adoitan ser aquelas que presentan un alto risco de padecer cancro de mama debido ao seu compoñente xenético.

 

O doutor Manuel García García, xefe de Servizo de Cirurxia Xeral do CHUO.

 

Cirurxía robótica en Ourense

Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.

A adquisición polo Sergas, en xullo de 2021, de 7 robots Davinci, situados en cada un dos hospitais de referencia das 7 áreas sanitarias, supuxo un fito importante para a organización por dotar aos centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos. Eses equipos en cada centro son compartidos por varias especialidades, sendo as principais os servizos de cirurxía xeral, uroloxía, xinecoloxía e otorrinolaringoloxía, aínda que nalgún centro son utilizados tamén por cirurxía torácica ou cirurxía maxilofacial. A finais do pasado ano incorporáronse outros tres novos equipos de cirurxía robótica Mako para a realización de cirurxía traumatolóxica e ortopédica.

No Hospital Universitario de Ourense lévanse efectuadas preto de 700 intervencións con cirurxía robótica das que case a metade delas foron efectuadas polo servizo de cirurxía xeral, outras 155 polo servizo de uroloxía, 123 cirurxías de xinecoloxía e 26 intervencións polo servizo de otorrinolaringoloxía.

Artigos relacionados

Back to top button