
O Hospital Universitario de Ourense acolle hoxe e mañá, 3 de decembro, o mercadillo solidario de Nadal das voluntarias do Espazo +60 de Afundación, cuxa recadación se destinará íntegramente á Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Ourense para financiar o “Carriño Don Amable” de acompañamento aos pacientes oncolóxicos nos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras.
As voluntarias estiveron esta mañá nas entradas das cafeterías de público e de persoal do novo edificio de hospitalización do Hospital Universitario de Ourense (Rúa Cruceiro Quebrado), nas plantas baixa e cero, e continuarán mañá mércores, tamén en horario de 10:00 a 14:00 horas.
A tenda solidaria ofrece unha selección de artigos creados nos obradoiros do voluntariado, manteis, bolsos, mandís e carteiras, e tamén útiles de costura, artigos de e pezas decorativas de nadal. Todos os obxectos son pezas únicas de artesanía, feitas a man, e moitas están confeccionados mediante a reutilización de materiais, dándolles unha segunda vida e promovendo a sustentabilidade.
As voluntarias do Espazo +60 manteñen unha longa e valiosa colaboración co servizo sanitario público de Ourense en diferentes eidos, sendo responsables da elaboración das almofadas solidarias, especialmente deseñadas para mulleres operadas de cancro de mama, que axudan protexer a área da intervención, reducindo as molestias e favorecendo o descanso durante a recuperación e, o que é mais importante, ofrecendo a súa axuda, con este xesto solidario, a moitas mulleres nun proceso difícil e complexo.

Carriño Don Amable: un apoio que vai máis alá do material
Os fondos recadados da venda das pezas de artesanía empregaranse para financiar o funcinamento do Carriño Don Amable, un servizo da AECC que se iniciou en Ourense, e que percorre as áreas asistencia a pacientes oncolóxicos, ofrecendo bebidas quentes ou frías, pequenos aperitivos, revistas e pasatempos, pero tamén —e sobre todo— apoio emocional, conversa e compañía para facer máis levadeira a pacientes e achegados o tempo nas consultas, hospitais de Día Onco-Hematolóxicos e ingresos.
O Carriño funciona actualmente no Hospital Universitario de Ourense e nos dous hospitais públicos de Verín e Valdeorras, estendéndose desde a nosa provincia ao resto de Galicia.
O espazo +60 tamén foi pioneiro no apoio a esta iniciativa e o súa tenda solidaria de Ourense é a máis veterana das impulsadas por Afundación en Galicia, con case 30 anos de historia. Nesta edición será a primeira das cinco que se celebrarán durante o mes de decembro noutros concellos: Betanzos, Pontevedra, Ferrol e Viveiro.
