
Un total de 26 alumnos e alumnas de sexto curso do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela incorporáronse hoxe ao Hospital Universitario de Ourense para completar o seu último ano de formación práctica rotando polas diferentes materias troncais e áreas da súa elección ata a súa graduación o vindeiro mes de maio.
O alumnado foi recibido no salón de docencia polo director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloy Sánchez, e presidente da Comisión de Docencia Hospitalaria, Jesús García Mata, que lles deron a benvida, animaron a implicarse na vida do hospital e a contactar cos pacientes e a faceta humana da medicina.
A maioría do alumnado procede de Ourense ou mantén vínculos coa provincia, aínda que o grupo inclúe tamén estudantes procedentes de Portugal, Almería, Badaxoz e Sevilla que estudan na facultade de Santiago e elixen Ourense polas facilidades para realizar prácticas e pola a atención máis personalizada. Como ven sendo habitual nas últimas promocións, cunha clara maioría de alumnas.
Sete áreas de rotación obrigatoria
O plan docente de sexto establece sete áreas clínicas obrigatorias: clínica médica; clínica cirúrxica; urxencias e servizos centrais; obstetricia e xinecoloxía; pediatría; psiquiatría; e medicina familiar e comunitaria.
Durante estas rotacións, o alumnado intégrase nos equipos asistenciais para adquirir experiencia asistencial, na elaboración da historia clínica, o proceso diagnóstico, a indicación de tratamentos e o traballo coordinado entre servizos.
Ademais das prácticas obrigatorias, moitos estudantes solicitan ampliar voluntariamente a súa formación en determinados servizos ou unidades polos que teñen un especial interese. En concreto este curso algúns deles solicitaron rotar na Hospitalización a Domicilio, a Unidade de Coidados Intensivos, Cardioloxía, Dermatoloxía ou Oftalmoloxía.
Mais benvidas: 20 estudantes de ciclos superiores
Xunto ao alumnado de Medicina, esta mañá incorporáronse 20 estudantes de ciclos formativos de grao superior, que completarán 500 horas de prácticas, distribuídas en 72 días, nos centros da Área Sanitaria.
Dez deles cursan Imaxe para o Diagnóstico, catro Radioterapia e Dosimetría, outros catro Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, xunto a dous alumnos de Informática que realizarán as súas prácticas no Servizo de Sistemas da Información. Dos dez estudantes de Imaxe para o Diagnóstico, dous realizarán as prácticas no Hospital Público de Valdeorras.
Tamén neste grupo é habitual que parte do alumnado solicite realizar máis horas das establecidas para rotar por determinadas unidades ou coñecer procedementos e técnicas de maior complexidade, especialmente nos tres servizos centrais sanitarios nos que se integran: Radioloxía, Anatomía Patolóxica e Oncoloxía Radioterápica.
No acto de benvida aos futuros técnicos superiores participaron a delegada de Formación, Montse Seijas; as coordinadoras de Anatomía Patolóxica, Radioloxía e Radioterapia; o supervisor da área de Radiodiagnóstico, e o subdirector de Enfermería, Diego Rivera.