A Biblioteca do Instituto de Estudos Valdeorreses, ubicada na Casa Grande de Viloira (O Barco), dá acubillo a exemplares singulares que non se poden atopar noutras da comarca. Uns 400 volumes dunha sección alemá; outra sección de libros de medicina; a enciclopedia Espasa-Calpe con máis de 100 volumes con material moi difícil de atopar; unha sección con máis de 500 libros sobre a cultura galega en xeral e a de Ourense en particular; á parte da produción propia; e agora tamén a importante doazón bibliográfica e audiovisual feita polo cineasta (director, guionista e produtor) Ignacio Vilar que pasa a formar parte deste “patrimonio de toda a cidadanía valdeorresa”.
Máis de 1.100 libros e arredor de 500 películas que xa están na biblioteca apilados en caixas á espera de ser colocados nas estanterías da Biblioteca e tamén noutros dous espazos da Casa Grande, un agasallo para Valdeorras”, dixo o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, na presentación da homenaxe que lle farán, dando as grazas a Vilar por tan xeneroso agasallo.

É material conseguido ao longo de 50 anos centrado basicamente no traballo do cineasta que nacía en Castrofolla (Petín) “sendo un neno que escoitaba grandes historias contadas polos veciños ao lume da lareira”, dixo o propio director de películas como Maria Solinha, A Esmorga ou Pradolongo recollidas no cartel da homenaxe, desexando que esta biblioteca sirva como un templo para a formación de fotografía e cine.
“Debemos aproveitar todo o que hai nesta comarca de grandes profesionais neste fermoso mundo de contar historias e fotografía, gustaríame que esta biblioteca fose o motor para xente que queira meterse neste fantástico mundo”, dixo na rolda de prensa á que tamén acudían varios membros da directiva do IEV, entre eles Julio Pérez Veiga, responsable da biblioteca quen deu as “grazas” a Vilar pola súa doazón.
Unha doazón pola que recibirá unha homenaxe o vindeiro sábado 26 de xullo. Será ás 12:30 horas no Salón de Actos da Casa Grande de Viloira e contará coa proxección dun documental do homenaxeado e a presenza do presidente e directivo do IEV, Aurelio Blanco e Julio Pérez; do protagonista de Pradolongo e Vilamor, Rubén Riós; doutro dos protagonistas de Pradolongo, o barquense Roberto Porto; do gaiteiro, Martín Porto; e do profesor Jesús Manuel García Díaz, rués á fronte da UNED Ourense.

Fotos de vídeos: Mónica G. Bellver.