BaloncestoDeportesÚltima hora

O Circuíto Basket 3×3 da Deputación de Ourense pecharase no Barco de Valdeorras o 5 de setembro

Ademais da competición deportiva, cada unha das seis sedes acollerá unha programación de animación e actividades complementarias

 

Na mañá deste martes 9 de xuño o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participaba na presentación do novo Circuíto Basket 3×3 Deputación de Ourense, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto que levará esta modalidade deportiva olímpica a seis concellos da provincia durante os meses de agosto e setembro, entre eles O Barco de Valdeorras.

O proxecto forma parte do Programa de Fomento Deportivo 2026 da Deputación de Ourense e nace co obxectivo de “fomentar a práctica deportiva, promover hábitos de vida saudables e achegar o baloncesto a toda a cidadanía a través dun formato dinámico, participativo e accesible”. Durante a presentación, Luis Menor destacou que esta primeira edición do circuíto responde á aposta da institución provincial por un deporte “próximo, integrador e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia”, subliñando ademais que o deporte constitúe unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde, favorecer a convivencia e dinamizar a vida social dos municipios. O presidente provincial salientou tamén que o baloncesto 3×3 é unha das disciplinas con maior crecemento internacional nos últimos anos, converténdose nun deporte olímpico que destaca pola súa capacidade para atraer participantes de todas as idades grazas a un formato máis áxil, urbano e accesible.

 

 

O circuíto percorrerá os concellos de Muíños (16 de agosto), Ribadavia (21 de agosto), O Carballiño (22 de agosto), Xinzo de Limia (29 de agosto), Allariz (30 de agosto) e O Barco de Valdeorras (05 de setembro), reforzando o compromiso da Deputación coa descentralización das actividades deportivas e coa creación de oportunidades de participación en todo o territorio provincial. A competición está aberta tanto a xogadores federados como non federados e contará con categorías de preminibasket e minibasket, infantil e cadete, así como júnior e sénior, podendo participar equipos masculinos, femininos ou mixtos.

Ademais da competición deportiva, cada unha das sedes acollerá unha completa programación de animación e actividades complementarias, convertendo cada xornada nun espazo de encontro, convivencia e promoción dos valores positivos asociados ao deporte. Os dous equipos finalistas de cada categoría en cada unha das sedes clasificaranse para disputar a gran final do Circuíto Provincial de Basket 3×3, que terá lugar o próximo 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

 

PRESENTACIÓN CIRCUITO PROVINCIAL 3X3 BASKET
O presidente provincial, Luis Menor, participa na presentación do Circuito Provincial 3X3 de Basket. Tamén participan Julio Bernardez Álvarez (Presidente da Federación Galega de Baloncesto), César Fernández Gil (Alcalde de Ribadavia), Carlos Puga Martínez (Concelleiro de deportes de Allariz), Michel Fernández Castro (Concelleiro de Deportes do Carballiño), Cristina Campero Dorado (Concelleira de Xinzo de Limia), Israel León Rodríguez (Concelleiro de Muiños) e María Jose Varela Alonso (Delegada territorial da Federación Galega de Baloncesto en Ourense). No acto tamén asisitiu como convidado, Oscar Castrañeda Robles (Presidente da Federación Caslela-Leones de Baloncesto). No patio interior do Pazo Provicial.
Back to top button