
Os días 7 e 8 de novembro, Valdeorras acollerá o Circuíto Cultural de Orientación na Rúa Vella, unha proposta que convida a descubrir o patrimonio histórico da contorna e a tradición vitivinícola da comarca a través de dous percorridos que entrelazan cultura, orientación, viño, gastronomía e música. A iniciativa, promovida pola Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, conta coa empresa Terras Gigurras para a súa execución, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
A actividade permitirá coñecer os vestixios do patrimonio civil e relixioso da zona e achegarse á cultura vitivinícola de Valdeorras a través das súas tradicionais covas, espazos singulares que forman parte da identidade e da memoria da comarca. Un dos principais atractivos será a cata musical no interior destas covas, aproveitando a súa acústica natural para crear unha experiencia que une patrimonio, cultura e tradición.
A programación estrutúrase en dúas experiencias independentes, que se poderán reservar por separado ou conxuntamente. A primeira terá lugar o sábado 7 de novembro, cunha proposta nocturna que comezará ás 19:30 horas e terá unha duración aproximada de tres horas. O percorrido partirá da praza de San Roque e rematará na Cova de Adega Melillas. Para participar nesta xornada será obrigatorio levar frontal ou lanterna.
A segunda proposta desenvolverase o domingo 8 de novembro, cunha actividade diúrna que comezará ás 10:30 horas e terá unha duración aproximada de tres horas. A saída será desde a praza de San Roque e a chegada terá lugar na Cova de Alan de Val.
Ambas as xornadas contarán cun aforo máximo de 30 persoas, co obxectivo de ofrecer unha experiencia próxima.
Unha cata musical nas covas de Valdeorras
A combinación de viño e música será un dos elementos centrais do Circuíto Cultural de Orientación na Rúa Vella. “As históricas covas, especialmente representativas desta zona, converteranse no escenario dunha experiencia sensorial que permitirá descubrir a riqueza vitivinícola da comarca desde unha perspectiva diferente”, din dende a Ruta do Viño de Valdeorras.
Contarase coa soprano galega Esperanza Mara, que interpretará pezas clásicas e populares nunha actuación que busca establecer un diálogo entre a música, a cultura do viño e a arquitectura tradicional das covas. Pola súa banda, a enóloga Cecilia Fernández será a encargada de dirixir a cata de viños. A experiencia completarase cunha selección de produtos gastronómicos da zona.
Ademais, a actividade contempla a participación dos menores de idade mediante unha cata de mosto de uva 100 % natural de Valdeorras, para que tamén poidan achegarse á cultura vitivinícola da comarca.
Outras iniciativas para descubrir a cultura e o patrimonio da comarca
A programación cultural e turística de Valdeorras inclúe outras iniciativas como a ruta ás minas de volframio de Valborraz, prevista para o sábado 7 de novembro. A proposta espertou un notable interese e xa completou todas as súas prazas, unha resposta que pon de manifesto o atractivo dos recursos históricos e industriais mineiros da comarca.
Por outra banda, aínda quedan prazas dispoñibles para participar en “Tarecos e Castañas do Alén”, unha experiencia que terá lugar o 31 de outubro no Castelo do Bolo e que propón unha aproximación á tradición oral e á cultura popular galega a través das historias, as lendas e os medos asociados ao Alén. Sera entre as 20:00 e as 22:00 horas e incluirá unha degustación de tres viños e dous petiscos. O prezo é de 18 euros por persoa e o aforo é reducido, polo que se recomenda reservar con antelación.