Nesta fin de semana o Círculo Poético Ourensán organiza o XV Encontro Internacional de Poesía ‘Víctor Campio’ lembrando, ademais da continuación dun evento que xa é un faro cultural ourensán, tamén a súa lema esencial “15 anos de versos, 15 anos de amizade.”
Durante tres días Ourense encherase cun eco peculiar, o da palabra feita arte, sen dúbida. Pero, nesta ocasión, a poesía non viaxará soa. Ao pensar na poesía, a música chega á mente ao momento. As dúas artes entrelázanse de forma íntima, ademais de poderosa; o verso ten un ritmo, unha cadencia, esa musicalidade transfórmao nunha melodía que ecoa na alma; a música, en cambio, nútrese da poesía, dando vida a letras que narran historias e espertan emocións. Son dúas linguaxes universais que, xuntas, elevan o espírito e conéctannos nun nivel máis profundo.
Este encontro é unha celebración desa sinerxia. Un lugar, un espazo para poetas de todo o mundo, onde compartir non só os seus poemas, senón esa máxica melodía que corre polas súas veas. É unha porta aberta para que o público penétrese nun universo fascinante, onde as palabras bailan co ritmo, forxando unha experiencia que non se esquece.
As e os poetas que nos acompañarán nesta 15 edición elexidos por as amigas e amigos de Circulo entre os participantes dos 14 encontros anteriores e son: Carmen Samalanca-Madrid (España); Irma del Ángel-San Luis Potosí (México); Patricia Cortés-Málaga (España); Rita Capucho-Aveiro (Portugal); e Roberto Reséndiz- Zamora (México). O acompañamento musical correrá por conta de A Voz das Mouras-Ourense (España); Emilio Rúa-Ourense (España); e La Dama de Gris-Ourense (España).
Estreitando lazos coa Deputación
A Deputación e o Círculo Poético Ourensán estreitarán os seus lazos de colaboración a prol da dinamización cultural na provincia, tal e como quedou de manifesto na reunión de traballo que mantiveron esta mañá o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, e a directiva deste entidade, presidida por Xosé Ramón Fernández Morgade.
Vázquez comprometeuse a canalizar as peticións de colaboración transmitidas polo Círculo Poético, baseadas nas actividades que desenvolven durante todo o ano, como é o caso do próximo XV Encontro Internacional de Poesía “Víctor Campio”, cuxos participantes tamén estiveron presentes no encontro mantido no Pazo Provincial.

Encontro na Subdelegación do Goberno
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, agradece ao Círculo Poético Ourensán, composto por integrantes de México, Portugal e distintas comunidades autónomas de España, “o valioso traballo que fan para achegar a poesía a poboación, con esforzo e dedicación”.
Así llo trasladou nunha recepción na Subdelegación do Goberno, con motivo do XV Encontro Internacional de Poesía. “Ourense é unha provincia moi unida á poesía grazas a xente coma vós e estamos moi orgullosos de que as dúas últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía sexan ourensás”, destacou.
Así mesmo, Eladio Santos invitou ao colectivo a participar nos actos que organizará a Subdelegación do Goberno con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. “É unha honra contar nunha data tan importante coa presenza dun círculo poético composto por persoas de diferentes procedencias e que impulsa en Ourense un intercambio cultural moi próspero”, remarcou.