CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O clarinete de Saturnino Pérez, membro dos Trabazos emigrado a Arxentina, volve a Galicia 72 anos despois

O gaiteiro Diego Prieto, que investiga a historia desta formación de Castro Caldelas, recibíao do bisneto do clarinetista que llo cedía

Diego Prieto sostendo o clarinete de Saturnino Pérez, xa de volta en Castro Caldelas./ Cedida.

 

Cun dobre obxectivo musical cruzaba o Atlántico o 30 de agosto. O gaiteiro caldelao Diego Prieto viaxaba rumbo á Arxentina como docente do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior, que promove a Secretaría Xeral de Emigración, solicitado por tres centros galegos, un de Bos Aires e outro de Mar del Plata. Era unha experiencia de mes e medio que lle resultaba moi satisfactoria e que supuxo para el un redescubrimento do sentimento de galeguidade no exterior. “Axudoume a entender moito mellor como foi a emigración galega para Arxentina e como viven eles a galeguidade, é realmente é para ter envexa sana… Eles están felices de que ti vaias alí e lle fales en galego e sempre están pendentes da cultura, de feito queren que lles falen en galego, e isto choca ao regresar e ver os estudos que din que baixan os falantes en galego en Galicia”, comenta este gaiteiro.

Quedaba impresionado polo amor que senten por Galicia e polo enorme labor que décadas atrás fixeron os emigrantes na Arxentina. “Non só fixeron cultura alí, senón que mandaron gran cantidade de cartos para Galicia, para construír estradas, escolas, foi tremendo… e agora toda esa xente morreu, pero están os seus netos, bisnetos e incluso algún fillo moi maior e víveno con moita intensidade. Unha cousa é velo dende aquí e outra moi diferente viaxar alá e vivilo, ver o seu sentemento”.

Nesta viaxe pretendía, ademais, recabar documentación sobre a antiga formación musical de Os Trabazos, sobre a que leva anos investigando, e establecer contacto con algún dos seus descendentes, emigrado décadas atrás. Os Trabazos nacían en Castro Caldelas e tiveron unha actividade entre 1910 e 1956, segundo o documentado ata agora. “No ano 1952 Saturnino Pérez emigrou a Bos Aires, reclamado pola familia. Nesa cidade funcionaba xa o Centro Regional de Castro Caldelas, que foi fundado no ano 1951, e en 1958 a viúva de Perfecto López, que foi un dos gaiteiros dos Trabazos, enviou a súa gaita para alá. E en Bos Aires fundadon tamén os Trabazos pero do Centro Regional de Castro Caldelas, e nela estaban Saturnino e Francisco Pérez “Llera”, que foi integrante de Os Caldeleses tamén de Castro Caldelas”.

 

Os Trabazos do Centro Regional Castro Caldelas./ Foto cedida.

 

A súa estadía en terras arxentinas, que remataba o 17 de outubro, depáraballe tamén unha sorpresa moi especial: o clarinete de Saturnino Pérez. “Cedeumo o seu bisneto, Gustavo, porque quería que o trouxera para Castro Caldelas, 72 anos despois de que emigrara o seu bisavó. Foi tres días antes de volver”, lembra entusiasmado Diego Prieto. “O seu desexo era que, unha vez que faltase a súa bisavoa, que o clarinete volvese para Galicia. Para min foi toda unha sorpresa, porque ela morreu recentemente, e este instrumento ten un gran valor sentimental”.

Xunto a ese agradecemento, este gaiteiro sente unha gran responsabilidade. “Xa o levei a Castro Caldelas e agora téñoo baixo a miña custodia, vou restauralo dunha maneira moi respectuosa e coidadosa, e afinalo. É unha peza con máis de 70 anos e a miña intención é que o examinen expertos, persoas especializadas, para que me detallen as súas características, porque no meu traballo de investigación si que quero falar dos instrumentos e aportar unha valoración moi exhaustiva deles”.

Para Diego Prieto este clarinete é “un tesouro. É certo que teño máis obxectos que pertenceron aos Trabazos, pero os instrumentos son tesouros, son o culme da investigación. E agora ando detrás de máis material que foi para Arxentina, como unha gaita pero iso xa vai ser moi dificil, por non dicir imposible de recuperar”.

Ademais, en Arxentina realizaba contactos na procura de documentación sobre as pegadas dos Trabazos alá. “Estou en proceso de que me envíen documentación dunha sociedade de Castro Caldelas, que se chamaba “Sociedad Castro Caldelas y sus comarcas”, o problema é que hai moita documentación que aínda está sen dixitalizar e sen analizar. Despois, todo o referente ao centro rexional de Castro Caldelas, por desgraza perdeuse todo porque no edificio onde estaban houbo unha inundación nos anos 80 no soto”. Pero non desiste e agarda que, co tempo, poidan ir aparecendo novos datos.

Diego Pérez amósase moi agradecido pola colaboración neste proxecto do Centro Lalín Agolada y Silleda, da Fundación Xeito Novo, do Centro galego de Mar del Plata e ademais, dalles as grazas “moi especialmente a Pablo Flores, Diego Oliver, e a Gustavo Vázquez por ter a xenerosidade de cederme o clarinete e que estea aquí en Galicia de novo”.

 

Back to top button