Unha vintena de persoas encetaba este novo ano 2025 realizando a Subida a Correxais (Vilamartín) IV Memorial Santiago Melo, promovida polo Club Peña Trevinca Barco. “É unha subida cuxo precursor foi Santiago Melo e, dende o club, tras falar coa súa viúva e cos seus fillos decidimos poñerlle o seu nome”, explica o presidente desta entidade Miguel de la Cal.
A ruta, para a que non era precisa inscrición, partía ás 9h. deste 1 de xaneiro dende a pasarela verde do Paseo do Malecón, onde os participantes realizaban unha foto de familia á que se unían un grupo de mozos que aínda estaban a celebrar o aninovo.
A partir de aí iniciaban un percorrido marcado polo frío, seguindo a ruta homologada rumbo a Correxais, onde ao chegar facíase unha parada ao carón do seu mosteiro. Aí os camiñantes compartían unha chocolatada, acompañada de bica e tarta, xa que unha das socias do club, Cristina, estaba de aniversario e decicía celebralo cos seus compañeiros.
Despois, o grupo iniciaba a baixada de volta ao Barco, pasando antes pola pincheira de Portomao (Fervenza, O Barco) ata rematar na vila barquense, onde compartían unhas cervexas. Deste xeito remataba esta ruta, “que temos xa como unha tradición no club e a nosa intención é continuar con ela”, adianta o seu presidente.
Fotos e vídeos cedidos.
