Cada tempada o Club Peña Trevinca Barco acostuma realizar unha saída de dous días cada ano, cun destino diferente, entre os que xa poden citarse a senda do Duero, as Illas Cíes e Cabo Home, a senda do norte ou Camiño do Oso, entre outras. Desta volta o lugar escollido era Asturias e a proposta dobre: a ruta do Cares e o descenso do Sella en canoa.
Preto de 30 socios deste club valdeorrés partían o sábado 8 de xuño con destino a Posada de Valdeón, onde facían unha ruta ata Caín de 9 km e outra desa mesma distancia ata Poncebos. “Resultou un percorrido espectacular, á xente gustoulle moitísimo e as paisaxes eran fermosas”, explica o presidente do club, Miguel de la Cal. Tras completar en traxecto collían o autobús que os deixaba no seu aloxamento, debaixo de Covadonga.
Xa na xornada do domingo, facían unha visita ao santuario de Covadonga e aí o grupo dividíase en dous. Unha parte decidía iniciar unha ruta duns 8 km por esa mesma zona, que malia ao limitado traxecto resulta dura polos desniveis, e o resto trasladábase ata Arriondas para facer o descenso en canoa polo río Sella. Tras realizar ambas actividades, o grupo volvía xuntarse e, tras o xantar, iniciaban o regreso ao Barco.
Fotos: Club Peña Trevinca Barco.