CulturaCulturaÚltima hora

O Clube de Lectura da Escola de Torbeo (Ribas de Sil) celebra a súa segunda xuntanza cunha conversa arredor de “Azucre”

O próximo domingo 15 de novembro, ás 17:00 horas, a Escola de Torbeo acollerá un novo encontro desta iniciativa cultural, organizada conxuntamente pola Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) e o Concello de Ribas de Si

 

O Clube de Lectura da Escola de Torbeo celebrará o próximo domingo 15 de novembro, ás 17:00 horas, a súa segunda xuntanza, despois da boa acollida da primeira convocatoria. A iniciativa, que naceu co propósito de fomentar a lectura e crear un espazo de encontro e intercambio cultural, está a consolidarse como unha proposta especialmente interesante nun núcleo rural de pequenas dimensións como Torbeo.

“A actividade constitúe un exemplo de como a cultura pode manterse viva e activa tamén nas pequenas aldeas. Torbeo acolle así un dos clubs de lectura que desenvolven a súa actividade nun pequeno núcleo rural galego, demostrando que non é necesario vivir nunha vila ou cidade para participar en iniciativas culturais de calidade”, indican dende o Concello de Ribas de Sil.

Nesta segunda sesión, as persoas participantes compartirán as súas impresións sobre a novela Azucre, da escritora galega Bibiana Candia, unha obra que recupera a historia da emigración de mozos galegos a Cuba a mediados do século XIX, atraídos polas promesas dunha vida mellor e que acabaron sufrindo durísimas condicións de explotación nas plantacións azucreiras.

A conversa estará guiada por Antonio Paz, que dinamizará o intercambio de opinións, interpretacións e reflexións arredor da lectura durante aproximadamente unha hora.

 

 

Unha das características máis destacadas desta iniciativa é o seu carácter aberto e participativo. Non é necesario residir en Torbeo nin pertencer á asociación veciñal para asistir. Calquera persoa, procedente de calquera lugar, que teña lido a obra e desexe compartir as súas impresións será benvida.

O Clube de Lectura é unha actividade organizada conxuntamente pola Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) e o Concello de Ribas de Sil, no marco da súa colaboración para dinamizar a vida cultural e social da parroquia.

A Escola de Torbeo, recuperada como espazo de encontro e actividade comunitaria, convértese deste xeito nun escenario para o diálogo literario, a convivencia e a participación cultural.

Desde as entidades organizadoras destácase a satisfacción pola acollida desta proposta e a vontade de darlle continuidade, favorecendo que a lectura sexa tamén unha oportunidade para reunirse, conversar e manter viva a actividade cultural no rural.

Back to top button