
Un ano máis o Clúster da Pizarra de Galicia premia a excelencia nos estudos e, na mañá deste luns 7 de xullo, entregaba os Premios (un diploma e un talón de 300 euros) aos Mellores Expedientes de Bacharelato do Barco de Valdeorras, A Rúa e Quiroga.
En Quiroga o mellor estudante foi Ignacio Gonzalez Gómez, do IES de Quiroga; e na Rúa, Noa Fernández Fernández, do IES Cosme López Rodríguez.

No Barco de Valdeorras, dous alumnos do IES Martaguisela, Diego Nogueiras Pérez e Ana Ruiz Arias, conseguiron a mellor nota deste curso. “Ao ter ambos a mesma cualificación, recibiron un diploma cada un e repartiron o premio en metálico”, indican dende o Clúster.
Os catro tiveron notas medias en Bacharelato superiores ao 9,80. “Unhas excelentes cualificacións que ratificaron posteriormente nas probas da ABAU”, asegura o xerente do Clúster, Severino González, encargado de facer entrega dos cheques nos tres centros educativos.
