
O Colexio de Xornalistas de Galicia convoca dous novos obradoiros abertos dentro do proxecto para levar a formación sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres ás redaccións. As novas xornadas de formación terán lugar o 31 de outubro na Sala de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo e o sábado 7 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, nos dous casos en horario das 10:30 ás 13:30. As e os xornalistas do interior poderan acceder así a esta iniciativa, que se desenvolve grazas ao convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade e para a que xa está aberta a inscrición en liña.
Tras os talleres realizados na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza outros dous obradoiros abertos e gratuítos para que profesionais que traballan á peza ou en medios pequenos poidan achegarse á formación en tratamento das violencias contra as mulleres, así como tamén xornalistas dos grandes medios que, por unha razón ou outra, non puideron asistir aos obradoiros anteriores. As novas xornadas formativas convócanse en Lugo (31 de outubro) e Ourense (7 de novembro), nos dous casos en horario de mañá, e son posibles grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
O obradoiro en Lugo vai ter lugar na Sala de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo (Praza Maior, 1) o sábado 31 de outubro das 10:30 ás 13:30 horas e vai estar impartido por Fátima Frieiro. Á semana seguinte, o sabado 7 de novembro e co mesmo horario, a formación vai trasladarse a Ourense, onde se realizará un obradoiro no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30), do que se encargará Marga Tojo. As dúas, como o resto de formadoras, recibiron formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Para poder asistir a estes obradoiros é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación.
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. Ademais dos talleres abertos, este ano organizouse unha xornada de formación no Diario de Pontevedra e desenvolveranse en breve outras en Atresmedia e El Correo Gallego. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
“A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán “actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes” “, lembran dende esta entidade colexial.
Inscrición online en
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdvntUdvisp39lqNnjFLKSlE84ITCS4vjX1cYf9qCUgTRSk8Q/viewform