
O Colexio Oficial de Médicos de Ourense celebrará o vindeiro venres 13 de xuño, ás 19:30 horas, o acto conmemorativo do Día do Médico 2025, no Salón de Actos Marcos Valcárcel na cidade das Burgas. “Esta xornada anual, profundamente significativa para a comunidade médica, servirá para render homenaxe á dedicación, compromiso e vocación dos profesionais da saúde da nosa provincia”, din dende a esta entidade colexial.
O acto contará coa presenza de destacadas autoridades sanitarias, como a doutora Pilar Garzón Guiteria, presidenta do ICOMOu; José Ramón Parada Jorgal, xerente do Sergas, así como outros membros da Xunta Directiva do Colexio.
Durante a cerimonia lembrarase cun minuto de silencio aos médicos falecidos no último ano. Tamén se entregarán os tradicionais premios e distincións: Premio Manuel Cabaleiro Goás, ao traballo histórico “A loita antirrábica en Ourense (1885–1936)”, elaborado polo doutor David Simón Lorda e Ana Rúa Gómez. Un galardón que será recollido polo doutor Simón Lorda.
Ademais farase entrega do Premio de Publicacións Médico-Científicas, en homenaxe ao doutor Amaranto de Prado Fernández, figura relevante da medicina ourensá na área de Valdeorras e Trives:
· Traballo gañador: “Predición de neoplasia colorrectal avanzada metacrónica mediante a mutación de KRAS en pólipos”, publicado en UEG Journal, presentado polo doutor Joaquín Cubiella Fernández. ·
Así mesmo hai un accésit para “Natureza dinámica das mutacións BRAF ou KRAS p.G12C durante a terapia de segunda liña para pacientes con cancro colorrectal avanzado: existen efectos temperáns e tardíos?”, publicado no British Journal of Cancer e presentado pola doutora Ana Fernández Montes. O premio será recolleito polo doutor Miguel Ángel Núñez Vello.
Finalmente concederase o Premio a Axuda a ONG 2025, outorgado ao proxecto da ONG Mi Perú para o acondicionamento do centro Anbu Illam. O premio será recolleito polo doutor Santiago Soto Iglesias.
O acto concluirá coa entrega de carnés aos novos médicos residentes e distincións aos médicos honoríficos, recoñecendo a súa traxectoria profesional. “Desde o Colexio Médico de Ourense queremos convidar a todos os colexiados a este acto, que pon en valor o labor dos nosos profesionais sanitarios e o seu imprescindible papel na sociedade”, conclúe a entidade colexial.