Esta semana lévase a cabo o programa piloto da Xunta para a vacinación fronte á gripe nos centros educativos, dez na provincia de Ourense, entre eles o Pablo VI-Fátima da Rúa. Así, na mañá deste martes 14 de outubro, o alumnado de entre 3 e 11 anos (de 4º a 6º de Educación Infantil e de todos os cursos de educación primaria) anotado ao programa, recibía a vacina vía intranasal por persoal de enfermería da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Tal como informan dende o Sergas, no conxunto de Galicia seleccionáronse 55 centros para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais. “En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación”. En cada un destes centros organizáronse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación.

O obxectivo da campaña é “acadar unha cobertura do 70% dos nacidos entre 2014 e 2022 para, deste xeito, diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, evitar a cadea de transmisión ás súas familias e reducir o impacto na poboación en xeral”.

Os nenos que hoxe non se vacinaron poderán facelo no Centro de Saúde xa que a campaña de vacinación infantil contra a gripe de carácter xeral arrincaba onte en toda Galicia e non remata ata o 31 de decembro. “As familias recibirán un SMS coa cita correspondente que non será precisa no caso de participar na vacinación piloto en centros escolares”, indican dende o Sergas.

Fotos cedidas polo colexio Pablo VI-Fátima da Rúa excepto a última da galería.