
O colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas consegue o primeiro premio da cuarta edición do premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”. O IES Otero Pedrayo de Ourense logra o segundo Premio; e Samuel Barreiro Pérez, do colexio CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Salesianos), obtén o terceiro premio
Este premio, que convoca a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua e a cooperativa agroalimentaria Coren, está dirixido ao alumnado galego que teña entre 15 e 25 anos. Creado coa idea que a figura de Ramón Otero Pedrayo non sexa esquecida polas novas xeracións, está dotado con tres mil euros, repartidos en tres categorías. O primeiro premio consiste nun ordenador portátil e cincocentos euros en produtos Coren, en tanto que o segundo está dotado con cincocentos euros en produtos Coren e o terceiro en douscentos euros en produtos da citada cooperativa.

Os podcast deben versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral. O xurado que valorou os traballos estivo formado por cinco persoas expertas no campo da comunicación e a cultura. Na valoración das pezas tivo en conta, de forma preferente, o vocabulario, voz e dicción, xesticulación (no seu caso), organización do discurso, argumentación e calidade técnica.
O premio, que se daba a coñecer o 31 de agosto será entregado en Trasalba, nun acto que se organizará antes de finais de 2026 e no que haberá unha degustación de produtos Coren que ofrece esta cooperativa no marco da súa colaboración co premio.