En portadaÚltima horaVídeos

O comercio barquense vístese de festa coa “XIII Noite Branca”, entre descontos, degustacións e música

Unha vintena de establecementos participan nesta campaña, promovida pola Asociación Centro Comercial Aberto O Barco

 

Decoración especial, con predominio de globos brancos, degustacións para os clientes e bebidas e, ademais, interesantes descontos en produtos de tempada. E iso, nun ambiente festivo para facerlle fronte á calor. Dende as oito desta tarde de 19 de xuño os establecementos asociadas ao Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco celebran a decimoterceira “Noite Branca”.

 

 

Así nesta xornada as tendas participantes ampliaban o seu horario ata as 23:00 horas como é habitual, con atractivas ofertas. Ademais un grupo musical, Os Charangaiteiros, percorría as rúas e os negocios participantes amenizando con música as compras.

 

 

Nesta edición os establecementos participantes son un total de 19:

Klaus, Ana Óptica, Mercería Carmiña, Ana de la Puente, Miranda Moda, Montglam, Suá, Zapatería Moral, Baamonde, Tríos 2.0, Pili Confecciones, Eneska, Can Can, N37, Garoba, Koki, Casabella, Bambán dos Sorrisos e D’Chus.

 

 

Ademais terá lugar un sorteo dun vale de 100 euros entre as persoas que realicen compras na “Noite Branca” este mesmo 19.

 

 

 

“Noite Branca” para socios

Como novidade, nesta edición da “Noite Branca” haberá outra xornada, a do sábado 20 de xuño, dedicada aos socios cunha celebración na beira do rio Sil. A xornada dará comezo ás 20 horas presentada pola valdeorresa Diana Ortiz. Posteriormente, contarase coa presentadora e cantante da TVG Fátima Pego e coa acróbata Reyna, que ofrecerán un espectáculo único de música e acrobacias.

 

Cedida.

 

“Ao remate da actuación, desfrutaremos dunha cea acompañada de viños da nosa comarca, nun ambiente pensado para compartir unha noite inesquecible entre amigos e socios. O evento do sábado 20 está reservado para o propietario do negocio e un acompañante ou, no seu defecto, para un traballador das tendas asociados xunto con un acompañante, sempre que non sexan máis de dúas persoas por negocio asociado”, explican dende a directiva do Barco CCA.

 

 

Con esta Noite Branca, un pouco diferente ás anteriores, “queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os socios pola súa fidelidade e polo apoio incondicional que lle brindan á asociación día tras día. Grazas por formar parte deste proxecto e por seguir camiñando xuntos con tanta ilusión e compromiso”, sinala o presidente do CCA, Jacobo Arias.

Fotos e vídeos: A.R.

Back to top button