
Dende o Comité de Empresa de Autoneum A Rúa (do que forman parte os sindicatos CIG – CCOO – UGT) vén de informarse da súa “firme decisión de convocar paros os días 4 e 5 de decembro, como resposta directa á negativa da dirección da empresa a negociar a plataforma de mellora económica tal e como viña sendo habitual durante anos”.
Os representantes sindicais indican no comunicado que “historicamente, Autoneum e o comité chegaron sempre a acordos que melloraban o convenio colectivo da industria téxtil,un dos convenios mais precarios que existen recoñecendo o traballo e o compromiso da plantilla. Porén, este ano a empresa rompe unilateralmente esa dinámica, e faino ademais nun momento especialmente sensíbel”.
Así mesmo, recordan que “tras o incendio que arrasou parte das instalacións, o persoal de Autoneum deu mostra dunha responsabilidade extraordinaria: participou mesmo na extinción do lume, asinou un ERTE en tempo récord, e continuou traballando sen escatimar esforzos, en ocasións en condicións pouco recomendables desde a perspectiva da saúde laboral a veces sen descanso algún”.
Sen embargo, apuntan dende o comité de empresa, “a pesar desta actitude exemplar, a empresa négase agora a negociar melloras salariais agás as que veñen recollidas no convenio, medidas imprescindibles para asegurar unhas condicións xustas, acordes co volume de traballo e co sacrificio demostrado e asi poder paliar o agravio comparativo con outras fabricas do grupo menos productivas e con mellores condicions salariais”
Ante esta situación, “o Comité de Empresa insta a todo o persoal a secundar os paros convocados os días 4 e 5 de decembro, e fai un chamamento á veciñanza da Rúa e da comarca para apoiar este proceso de reivindicación. O noso obxectivo é claro: defender os dereitos do persoal, recuperar a negociación perdida e garantir un salario e unhas condicións de traballo dignas. En Autoneum trabállase máis e cóbrase menos. É hora de dicir basta”.
Os paros parciais desenvolveranse de 12:00 a 14:00 horas na quenda de mañá, de 20:00 a 22:00 horas na de tarde e de 4:00 a 6:00 horas na de noite. Mentres que o persoal de oficina está convocado a parar de 15:00 a 17:00 horas. Ao mesmo tempo, desenvolveranse concentracións diante das instalacións da empresa nestes horarios.