
O comité de empresa de Autoneum vén de infomar, a través dun comunicado, de que a asemblea de traballadores e traballadoras acordou “por inmensa maioría suspender a folga prevista entre o 15 e o 22 de decembro, despois de que a compañía trasladase a súa intención de iniciar unha negociación dun pacto de melloras que inclúa incrementos salariais e avances no eido social”.
Segundo se recolle no comunicado, para posibilitar esta suspensión, o comité estableceu dúas condicións irrenunciables: “a retirada inmediata por parte da empresa do documento de desinvestimento na planta da Rúa, presentado tras a convocatoria de folga; e a garantía de que as nóminas de decembro non inclúan ningún tipo de desconto ao persoal que secundou os paros, no caso de que haxa acordo”.
A vindeira semana celebrarase unha nova reunión entre o comité e a dirección de Autoneum, na que deberá quedar pechado un calendario de encontros para negociar o pacto comprometido. O Comité considera que este proceso “non debe prolongarse no tempo, aínda que é consciente de que a negociación non será inmediata”.
Desde o comité de rmpresa “queremos parabenizar a todas as compañeiras e compañeiros que apoiaron a folga, demostrando unha unión exemplar durante estes días. Unha vez máis, queda claro que as folgas son unha ferramenta eficaz”.