Máis alá dun xantar a Festa da Bica é unha xuntanza en torno ao emblema gastronómico da Pobra de Trives e tamén un acto de recoñecemento, que nesta ocasión ía dirixido á Ricardo Curtier, figura fundamental da vida cultural e musical de Trives e de Galicia, fundador de Os Trinta de Trives, da Banda de Música de Trives e tamén da Banda de Música de Ourense.
Así, na tarde deste sábado 26 de xullo, na sobremesa do xantar popular que reunía a preto de 250 persoas na praza do Reloxo o Concello de Trives tiña un recoñecemento público á familia de Ricardo Courtier, que vén de doar ao municipio o seu icónico piano, así como diversas partituras orixinais do mestre. “Un valioso agasallo que pasa a formar parte do patrimonio cultural da vila e que reforza a ligazón entre a música, a memoria e a identidade de Trives”, en palabras da alcaldesa, Patricia Domínguez que tamén pedía un aplauso para Julio Vázquez, o mestre que doou o contido do Museo da Escola e dá nome ao Auditorio.
Ao acto acudían os bisnetos de Curtier, Pedro e José Javier Sanz Lucotti, fillos da súa neta, Marina Lucotti Courtier, quen fixo esta doazón a Trives nun xesto de continuidade e lembranza do legado musical da familia e a súa ligazón co municipio través.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.