
Dende o Concello da Rúa informan de que seguen con importantes problemas de comunicacións. “Neste momento case todos os focos na Rúa semellan en repouso á espera do que aconteza cando empece a quecer o día”, din, pedindo precaución coas mensaxes de RRSS que “en moitos casos non están a reflectir a realidade e provocan aínda máis alarma da que xa temos, que é moita”.
Aseguran que seguirán informando na medida en que llelo permitan as comunicacións e lembran que “a calidade do aire é moi mala e que se recomenda non expoñerse fóra das vivendas a non ser que sexa estrictamente necesario”. Tamén recalcan que a auga “é un ben fundamental nestes momentos así que pedimos un uso responsable limitado ao estritamente necesario”.
Segundo a previsión trasladan dende o CECOP “a partir das 12 pode que empece a levantar o lume en distintos puntos. Moitísima precaución”, piden dende o Concello.