A VeigaConcellosÚltima hora

O Concello da Veiga participará en FITUR 2026 para promocionar a floración en Trevinca

 

O Concello da Veiga participará en FITUR 2026, que se celebrará en IFEMA (Madrid), dentro do espazo ‘España en Floración’, co obxectivo de promocionar a floración das ericas no Macizo de Trevinca como “un dos principais atractivos naturais do municipio e como elemento crave para o seu posicionamento como destino de turismo de natureza a nivel nacional”.

A participación terá lugar o xoves 22 de xaneiro, xornada na que, ás 12:30 horas, presentarase a campaña promocional Tour España de Flor en Flor, unha iniciativa de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo de 2026 e que pon en valor algúns das paisaxes de floración máis singulares do país. A continuación, ás 13 horas, o Concello da Veiga realizará a presentación específica da floración das ericas en Trevinca, acompañada da programación de actividades de sendeirismo vinculadas a este fenómeno natural.

 

 

Durante esta presentación darase a coñecer unha programación inicial de roteiros de sendeirismo para a primavera de 2026, deseñada para achegar a visitantes e afeccionados ao turismo activo ás paisaxes de Trevinca no momento de máxima floración.

Así, están previstas varias saídas guiadas no mes de maio, entre elas percorridos de 12 quilómetros e dificultade media os sábados 9 e 16 de maio, organizados por Terras Altas de Trevinca; unha ruta de 10 quilómetros e dificultade baixa o sábado 16 de maio, organizada polo Trisquel; e unha proposta de maior esixencia, cun percorrido de 15 quilómetros e dificultade media-alta o sábado 23 de maio, a cargo do Club de Montañismo Montañas de Trevinca. As datas previstas son orientativas e estarán condicionadas polo inicio efectivo da floración, polo que se recomenda confirmar a información coas entidades organizadoras.

 

 

A asistencia a FITUR responde á estratexia municipal de promover un modelo de turismo sostible, respectuoso coa contorna natural e xerador de oportunidades para o medio rural. Neste sentido, a floración das ericas preséntase como “un recurso que se complementa con outras experiencias que ofrece o municipio, como o turismo activo, o turismo rural e o astroturismo, apoiadas nunha contorna de gran calidade paisaxística e ambiental”.

O Concello da Veiga convida “a todas as persoas interesadas a visitar a caseta de España en Floración en FITUR, situado no pavillón 9, caseta 9E22, e a descubrir o municipio durante a época de floración, un período especialmente atractivo para coñecer Trevinca desde unha perspectiva sostible e en contacto directo coa natureza”.

 

Back to top button