
O Concello de Manzaneda fai balance das consecuencias dos incendios no municipio. E, así o vén de plasmar nunha serie de solicitudes que trasladaba tanto á Delegado do Goberno en Galicia como á Consellería do Medio Rural neste venres.
No relativo ao Goberno do Estado, o Concello plantexa catro solicitudes moi concretas. Unha delas é a
“declaración de zona catastrófica. Non houbo vítimas nin vivendas afectadas, pero si infraestruturas e servizos públicos e privados. Solicitamos axudas para a súa reposición”. Ademais pide un “pacto do Estado polo Desenvolvemento Integral das zonas rurais despoboadas: revisar competencias e financiamento público”, un “Fondo de Compensación Ambiental Estatal: para zonas con espazos naturais protexidos” e o “apoio á gandería extensiva e silvopastoril: como medida preventiva contra incendios en zonas de montaña. Necesidade de xustiza no abastecemento de auga e mellora das tecnoloxías de análise e distribución”.
Con respecto á Consellería do Medio Rural, o Concello de Manzaneda pide “clarificación para que os agricultores/as non se vexan afectados nas declaracións da PAC polas parcelas queimadas”, “solicitar excepción á prohibición de pastoreo en terreos afectados por incendios (Artigo 40 do Decreto 50/2014)”, así como unha “reunión ou recollida de datos/participación pública para analizar os impactos nos agricultores, gandeiros/as e propietarios de masas frondosas, especialmente pola perda de soutos”.
Finalmente, o Concello de Manzaneda comenta que dende esta administración local “queremos garantir unha fluida comunicación e poñernos á disposición da Consellería de Medio Rural e da Delegación do Goberno para transmitir as necesidades da nosa veciñanza e sectores afectados”.