
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, expresa, en nome da Corporación Municipal e de todos os monfortinos e monfortinas, a súa “profunda dor polo pasamento do policía local, Eusebio Cuesta Vázquez, nun desgraciado accidente en acto de servizo, mentras cumpría coas súas obrigas profesionais, nesta pasada madrugada”.
Nestes momentos tan difíciles, trasladan todo o seu cariño, apoio e afecto á súa familia, aos seus compañeiros da Policía Local do Concello de Monforte de Lemos, así como o resto de compañeiros do Concello de Monforte e as súas amizades.
Por este motivo, o alcalde decretou 3 días de loito oficial dende hoxe, sábado 23 de agosto ata as 24h. do día 25. Igualmente, nas citadas datas, as bandeiras ondearán a media asta en todos os edificios públicos do Concello de Monforte. Asemade encargáronlle ao inspector xefe da Policía Local que “o Corpo leve a cabo as honras fúnebres pertinentes de acordo coa familia, consistentes na colocación da Bandeira Galega sobre o féretro e portar o mesmo a hombros por axentes dende o Tanatorio ata o cemiterio así como calquera outro cometido que fose menester”.
O outro axente que formaba parte da patrulla, Francisco Cao de Jesús, ingresado no Hospital Comarcal, foi visitado polo alcalde e a tenente alcalde para desexarlle unha pronta recuperación no nome de todos os monfortinos.