
A Concellería de Educación do Concello de Ourense iniciaba, na mañá do mércores 21 de outubro, un ciclo de visitas de escolares ás bibliotecas municipais, unha actividade enmarcada no Programa de Animación á Lectura do curso 2026/ 2027.
Un total de 725 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 19 centros educativos participan nesta edición, que se desenvolverá ata o mes de maio nas dependencias de lectura da Ponte (Praza do Mestre Luis Fernández), San Francisco (explanada da estación de tren) e A Carballeira (Praza do Sagrado Corazón). A primeira das sesións desenvolveuse nas instalacións da Ponte, coa asistencia do alumnado do CEIP Prácticas e da concelleira de Educación, Tamara Silva.
O alumnado participante desprázase á instalación municipal máis próxima ao seu centro educativo para realizar unha visita de carácter lúdico. As sesións teñen como obxectivo principal achegar este servizo municipal aos máis novos e realizar actividades que promovan o gusto por ler.
Os obxectivos específicos do programa son dar a coñecer no ámbito escolar, cun formato dinámico, a existencia e os recursos destes equipamentos municipais, estimular o interese polos libros entre a poboación infantil e servir de apoio ao profesorado no uso e aproveitamento das bibliotecas escolares.