OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense aproba as bases do concurso que premiará os mellores maios e coplas da Festa dos Maios 2024

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anima á veciñanza a participar nesta celebración, "unha festa tradicional que estamos reforzando cada ano"

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense vén de aprobar na súa sesión desta semana as bases e a convocatoria do concurso que premiará as mellores coplas e maios que participen na Festa dos Maios de Ourense 2024, que terá lugar o primeiro domingo, día 5, do mes de maio. Tamén aprobou as bases da convocatoria para a concesión de axudas para a compra de libros de texto, material escolar e comedor ás familias en situación de desvantaxe social e con menor poder adquisitivo para o curso 2024-2025. A Xunta de Goberno aprobou 19 asuntos na xuntanza que se desenvolveu este mediodía no salón de plenos

Artes e festexos

O Concurso de Maios e coplas de Ourense 2024 incorpora na cidade de Ourense diferentes novidades para estimular a participación. Por unha banda, recupera a categoría de maios creativos (nos que se permite utilizar calquera técnica ou material), aumenta a contía dos premios en diferentes categorías e amplía o número de premios ás mellores coplas: de xeito que recibirán galardón as 3 mellores coplas infantís e as 3 mellores de persoas adultas (non só a primeira, como en anos anteriores).

Os premios serán:

Premios maios artísticos: 900, 700 e 500 euros
Premios maios enxebres: 600, 400 e 300 euros
Premio maio infantil: 300, 200 e 100 euros
Premio maio creativo: 300€
Premios coplas (persoas adultas): 300, 200 e 100€
Premio coplas infantís; 300, 200 e 100€
Os maios presentados recibirán tamén unha axuda de 350 euros por participar.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima á veciñanza a participar na celebración dos Maios: “é unha festa tradicional de Ourense que estamos reforzando cada ano, cunha grande asistencia de xente. Esperamos que a participación sexa masiva, como foi nos últimos anos, tanto de xente que expón e fai maios como de quen vai velos ese día. Animamos a todas as asociacións, grupos etc. a que se xunten, poñan toda a ilusión do mundo e non perdan esa magnífica tradición”, manifestou. Pérez Jácome adiantou que a programación de xornada incluirá a actuación musical de María do Ceo.

Artigos relacionados

Back to top button