ConcellosÚltima hora

O Concello de Quiroga colocará trampas contra a velutina no total de núcleos do municipio

Esta campaña levarase ao longo de marzo por este o mes que "recomendan os expertos para poder cazar as raíñas"

Exemplares de Vespa velutina./ Foto: Teodoro Suárez.

 

Durante o vindeiro mes de marzo o Concello de Quiroga ten previsto levar a cabo unha campaña de loita contra a Vespa velutina no conxunto do municipio. Nesta liña vai entregar a cada núcleo 5 trampas con líquido atraínte, que se renovará tres veces, pasando quince días entre cada renovación. “Serán máis de 500 trampas as que se colocarán a vindeira semana contando coa colaboración dos veciños, para tentar non erradicar pero polo menos diminuír o número de niños desta avespa invasora”, segundo informa o Concello de Quiroga.

Escolleuse este mes “por ser o que recomendan os expertos para poder cazar as raíñas, que é agora coa subida das temperaturas, cando abandonan os seus agochos para comezar a facer os niños primarios e poñer os ovos. Eliminando o maior número de raíñas é a maneira de evitar a proliferación da velutina”, engade este concello.

A recomendación que fai o concelleiro do Medio Rural e apicultor, Ángel Rodríguez Raposo, é que as trampas se coloquen “ao redor dos núcleos de poboación, preto das árbores máis temperás en florecer, xa que a avespa asiática buscará o seu alimento nos insectos que acudan a estas flores, incluídas as abellas que compoñen boa parte da súa dieta”.

Segundo Ángel Rodríguez, “Quiroga é unha zona na que prolifera este insecto invasor moi rapidamente, debido ao microclima do que se goza no val do Sil”. O pasado ano o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) retirou ou neutralizou máis de medio cento de niños de Vespa velutina.

Con esta campaña de trampeo, o Concello de Quiroga pretende “axudar nunha loita na que xa están traballando dende hai un par de anos os apicultores da comarca, pero para a que se precisa máis impulso posto que os niños de velutinas non están só preto das colmeas senón que xa se atopan por todas as zonas. É precisamente por iso polo que o concello pide a axuda de todos os veciños tanto na colocación das trampas que lles van entregar como na elaboración doutras como as que lles dan xa feitas, moi fáciles de realizar”, tal e como apunta esta administración local.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button