
O Concello de Quiroga vén de emitir un comunicado para informar da situación do lume que afecta a este municipio e ao Xeoparque Montañas do Courel desde o pasado venres, 15 de agosto. “Un lume que se orixinaba no concello de Larouco, na parroquia de Seadur o mércores 13 de agosto e que avanzaba dun xeito imparable ata que acadou os montes de Quiroga pola zona de Cereixido.
Ata o momento e segundo as últimas estimacións, o monte calcinado nos concellos de Larouco e nos de Petín, Quiroga, A Rúa, Vilarmartín de Valdeorras, Rubiá e O Barco de Valdeorras ascenden a 15.000 hectáreas”, indica.
Así mesmo, o Concello do Barco sinala que “situación nestes intres e que o lume continúa activo pero a unha velocidade ralentizada, sen perigo inminente para ningún núcleo de poboación. As lapas avanzan cara os montes de Bendilló, Vilar de Mondelo, San Martiño e Vilarmiel e a zona do Montouto.
A boa nova e que ao longo da mañá comezaron a chegar máis medios aéreos e máis efectivos terrestres, ademais de que as temperaturas desta noite e as primeiras desta mañá refrescaron un pouco o cal da un pequeno alivio para traballadores e veciños que continúan a traballar na extinción deste voraz incendio”.

No serán de onte achegábase ata Quiroga o delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen foi recibido polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, no posto de coordinación dos medios instalado na marxe dereita da N-120 ao seu paso por Bendilló. Ata alí tamén se achegaban os rexedores dos dous concellos do Xeoparque, Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil, e Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, para interesarse pola situación que están a sufrir os nosos montes e poñer a disposición do Concello de Quiroga.
