CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Concello de Quiroga ofrecerá un curso de lingua e cultura galegas

 

Quiroga será un dos 100 concellos de Galicia nos que se impartirán, entre xullo de 2026 e abril de 2027, ‘Cursos de introdución á lingua e cultura galegas’ destinados á poboación non nacida na comunidade “para favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva”, tal e como destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada de formación celebrada o pasado 9 de xuño en Santiago de Compostela para as entidades locais que acollerán estas propostas.

En representación do Concello de Quiroga acudiu á cita o Concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, quen afirma que este curso “ademais de poñer en valor a nosa lingua, servirá de ferramenta de inclusión dos novos quirogueses, xente que chegada de fóra pode recuperar a nosa economía e o noso censo poboacional”. O concelleiro lembra, ademais, que “tamén se poderá matricular calquera outra persoa que teña interese en ter unha formación básica sobre a nosa lingua e a nosa cultura”.

Sobre o curso

Este curso, que chega tras a boa acollida do pasado ano na súa primeira edición, está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; de gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; de léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás, e culturais, nos que tamén hai unha aproximación á historia do galego.

Esta formación está formulada para realizar en 20 horas e poderán inscribirse na mesma unhas 20 persoas. Para facilitar o seguimento do mesmo elaboráronse materiais en liña descargables que agora están dispoñibles de xeito gratuíto no Portal de Lingua para calquera persoa interesada.

Será un curso totalmente gratuíto para o alumnado e non terá custe algún para o concello ao estar impulsado e financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Dende a Concellería de Dinamización Lingüística infórmase que, en canto se coñezan os meses nos que se conceda a formación a Quiroga, farase saber para que a veciñanza interesada se inscriba. Así mesmo, anima a participar e lembra que o concello segue impulsando accións para poñer en valor o galego, normalizalo e incentivar o seu uso.

Back to top button