
O Concello da Pobra de Trives vén de informar da posta en marcha dun paquete de medidas de apoio destinadas ás persoas e familias afectadas polos recentes incendios forestais no municipio. O goberno local, encabezado pola alcaldesa Patricia Domínguez Barja, acordaba tras a reunión coa veciñanza afectada, a posta a disposición dun servizo gratuíto de asesoramento técnico e xurídico, que atenderá de forma individualizada a cada persoa danificada. Este apoio inclúe a redacción de informes técnicos, asesoramento xurídico e acompañamento na tramitación administrativa de reclamacións e solicitudes de axuda derivadas dos danos sufridos.
Así mesmo, o Concello habilita un servizo de asistencia psicolóxica, tal e como fora demandado pola veciñanza, co obxectivo de ofrecer apoio emocional e acompañamento neste momento difícil.
“Tras a reunión conxunta coa veciñanza afectada polos incendios, acordamos a posta en marcha das seguintes medidas que xa estamos a levar a cabo: asesoramento técnico e xurídico, apoio individualizado e servizo de asistencia psicolóxica. Ademais, outras propostas están sendo estudadas para tramitalas ante as administracións competentes. O Concello está e estará ao carón da nosa xente para acompañar neste proceso de recuperación”, subliñou a alcaldesa Patricia Domínguez.
Con estas medidas, “o Concello da Pobra de Trives reafirma o seu compromiso de acompañar e facilitar todos os trámites necesarios para a recuperación das persoas e familias afectadas polos incendios”, asegura esta administración local.