ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello de Trives declara 3 días de loito oficial polo falecemento do ex concelleiro Francisco del Río Merencio

Cedida.

 

O Concello da Pobra de Trives vén de manifestar, a través dun comunicado, a súa “profunda tristura” tras coñecer o falecemento de Francisco del Río Merencio, quen formou anteriormente parte da Corporación local deste municipio como concelleiro e como voceiro do grupo socialista.

“Francisco del Río Merencio foi un home bo e xeneroso, que soubo gañar o afecto e o respecto de moitas persoas. A súa traxectoria forma parte da historia política e municipal da nosa vila, na que participou desde o compromiso coa vida pública e coa representación da veciñanza. Máis alá da súa condición de representante municipal, será lembrado tamén pola súa calidade humana, pola súa proximidade e pola pegada persoal que deixou en quen tivo a sorte de coñecelo”, di o Concello de Trives.

Así mesmo, dende o goberno local trivés tamén se sinala que “a súa desaparición deixa un sentimento de pesar entre quen compartiu con el responsabilidades públicas, experiencias e momentos da vida municipal, así como entre todas aquelas persoas que tiveron a oportunidade de coñecelo e aprecialo”.

Di tamén o Concello de Trives que “as institucións públicas deben saber recoñecer e honrar a memoria das persoas que, en diferentes etapas e dende distintas responsabilidades, formaron parte da súa historia colectiva. Por iso esta Alcaldía considera que o falecemento de D. Francisco del Río Merencio merece unha expresión pública de respecto, recoñecemento e condolencia parte do Concello de Trives”.

Nese senso, a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez declara “tres días de loito oficial no Concello, dende o 8 ata o 10 de novembro como mostra de pesar”. Neses días as bandeiras oficiais que ondeen nos edificios municipais permanecerán a media asta, “como expresión pública de dó e respecto”. Así mesmo, durante eses tres días suspéndense os actos institucións de carácter festivo ou celebrativo promovidos polo Concello. Ademais trasládase, “en nome da Corporación Municipal e da veciñanza da Pobra de Trives, o máis sentido pésame á sá familia, amizades e persoas achegadas, facendo chegar unha mensaxe de agarimo, solidariedade e acompañamento neses momentos de dor”.

Back to top button