ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello de Trives impulsa un amplo plan de mellora de infraestruturas con actuacións en diversos puntos do municipio

 

O Concello da Pobra de Trives vén de informar de que nestas semanas está a levar a cabo un “amplo plan de obras que abrangue distintas zonas do municipio e que supón un importante investimento destinado á mellora do firme, á renovación de servizos e á modernización das infraestruturas municipais”.

Entre as actuacións máis destacadas, segundo concreta o Concello, atópase a obra de reparación do firme e renovación de tubaxes no entorno do Centro de Saúde de Trives, unha intervención financiada integramente con fondos municipais. Os traballos inclúen a reparación completa do pavimento, a substitución das antigas tubaxes e diversas actuacións complementarias para mellorar a seguridade e a accesibilidade nunha área de gran tránsito peonil e rodado.

Así mesmo, o Concello executa nestes momentos a obra da estrada de A Encomenda a Mendoia, cun importe de adxudicación de 97.828,35 euros, cofinanciada polo Concello e a Xunta de Galicia. Esta intervención inclúe a reparación do firme con aglomerado e a mellora dun pequeno tramo mediante rego asfáltico.

Tamén está en marcha a obra de reparación do firme en Santa María, entre a Avenida Deputación e a estrada xeral, cun importe de adxudicación de 80.365,24 euros, igualmente cofinanciada polo Concello e a Deputación. “Esta actuación permitirá mellorar notablemente a circulación e a seguridade nesta vía de conexión clave”, destaca o Concello trivés.

 

 

A estas obras súmanse diversas actuacións de hormigonado e reposición de tubaxes e pavimento que se están a realizar en diferentes puntos do municipio —como na estrada en dirección a A Encomenda, no núcleo urbano de Trives, no Picouto ou na Urbanización A Pedreira, entre outras localizacións— cun investimento conxunto que supera os 50.000 euros.

En total, o plan de infraestruturas do Concello de Trives “supón un esforzo inversor notable e unha planificación coordinada para mellorar tanto as comunicacións viarias como os servizos básicos municipais, reforzando o compromiso coa calidade de vida da veciñanza”, tal e como apunta esta entidade local.

“Estamos a actuar en numerosos puntos do municipio porque entendemos que o mantemento e mellora das infraestruturas é esencial para o benestar da cidadanía e para o futuro de Trives. Son obras necesarias, que responden ás demandas da veciñanza e que contribúen a construír un concello máis seguro, accesible e coidado”, sinala a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

Ademais, adianta que estas son só unha pequena parte das actuación previstas. O Concello da Pobra de Trives xa ten en marcha os proxectos para acometer obras en outras localizacións do municipio próximamente.

Fotos cedidas polo Concello de Trives.

 

Back to top button