ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello de Trives pide nunha carta á Consellería de Política Social “máis fondos para o Plan Corresponsables”, tras quedar fóra da convocatoria

A alcaldesa, Patricia Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Cristina Paz, solicitan á Consellería de Política Social e Igualdade unha ampliación do crédito para financiar os proxectos declarados subvencionables

Oficina de Turismo e exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello da Pobra de Trives vén de remitir unha carta á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para trasladarlle o seu “malestar pola exclusión do programa municipal de conciliación da convocatoria do Plan Corresponsables 2026” e para “reclamar unha ampliación da dotación económica que permita financiar os proxectos que cumpren os requisitos establecidos”.

A misiva, asinada pola alcaldesa, Patricia Domínguez Barja, e pola concelleira de Igualdade, Cristina Paz Elías, di que o proxecto presentado polo Concello foi “considerado subvencionable pola propia Xunta de Galicia, pero quedou sen financiamento por insuficiencia de crédito orzamentario”.

Neste sentido, o Goberno municipal subliña que “o máis grave desta situación é que a propia Xunta recoñece que o proxecto cumpre os requisitos establecidos, considérano subvencionable e valórano favorablemente”. Ademais, insiste en que “non estamos ante unha iniciativa rexeitada por deficiencias técnicas nin por incumprimento das bases, senón ante un proxecto que merece recibir apoio público e que, con todo, queda fóra por unha decisión política derivada dunha insuficiente dotación económica”.

Desde o Concello consideran especialmente preocupante que esta situación afecte a un municipio rural como A Pobra de Trives, onde os programas de conciliación desempeñan un papel fundamental para as familias. Na carta remitida á Consellería, as responsables municipais lembran que “estamos a falar dun servizo esencial para as familias da Pobra de Trives” e destacan que “os programas de conciliación non son un luxo nin unha actividade complementaria: son unha necesidade”.

A carta tamén cuestiona que sexan as administracións locais as que deban asumir en solitario o custo destes servizos cando outras administracións os presentan como prioritarios. Así, o Concello advirte de que “os concellos non podemos seguir sendo a rede de seguridade permanente fronte ás insuficiencias financeiras doutras institucións” e considera que “non é razoable que a Xunta promova políticas de conciliación mentres traslada o seu custo ás administracións locais, especialmente ás do rural, que dispoñen de menos recursos e afrontan maiores dificultades para prestar servizos”.

Por todo iso, o Concello da Pobra de Trives solicita á Xunta de Galicia que “amplíe o crédito destinado ao Plan Corresponsables e aprobe unha resolución complementaria que permita financiar aqueles proxectos que, como o presentado polo municipio, foron declarados subvencionables pero quedaron excluídos por falta de fondos”.

A pesar desta situación, o Goberno municipal incide no seu total compromiso coas familias do concello e insiste en que seguirá traballando para garantir os servizos de conciliación. Como conclúe a carta remitida á Consellería, “as familias necesitan feitos e recursos, non anuncios. E os concellos necesitamos unha Xunta que cumpra coas súas responsabilidades en lugar de trasladalas ás administracións locais”.

Back to top button