
O alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, acompañado polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo, recibiu este luns na Casa do Concello ás alumnas do IES Xesús Taboada Chivite gañadoras do primeiro premio no certame CinVigo 2026.
As estudantes Eva Alonso, Lucía Álvarez, Alba Estévez, Laura López e Doaa Garçan, ,presentaroN de primeira man o seu proxecto “Incendios forestais: antes, durante e despois do lume”, unha proposta centrada na prevención, detección temperá e resposta ante os incendios forestais.
Durante o acto, os membros do goberno trasladáronlle a súa noraboa polo traballo realizado e destacaron o alto nivel da iniciativa, subliñando a importancia de fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.
No encontro abordáronse tamén as posibilidades de desenvolvemento das solucións propostas, entre as que destaca un sistema integral de vixilancia e intervención temperá baseado no uso coordinado de drons e dispositivos de observación aérea con sensores térmicos e cámaras de alta resolución. Este modelo permitiría a detección en tempo real de posibles focos de incendio, facilitando unha resposta inicial áxil mediante medios non tripulados que verificarían a situación sobre o terreo.

Así mesmo, expúxose a potencial aplicación de sistemas de intervención rápida mediante drons equipados con depósitos de substancias retardantes, entre as que se inclúe o composto experimental coñecido como Chivifire, desenvolvido no marco do proxecto educativo, co obxectivo de conter a propagación inicial do lume e gañar tempo ata a chegada dos medios de extinción convencionais, como os dependentes da Xunta de Galicia ou os servizos de emerxencias.
Neste contexto, desde o goberno local destacouse que este tipo de iniciativas permitirían avanzar na profesionalización da vixilancia do monte, ao tempo que se favorece a evolución de proxectos nacidos no ámbito educativo cara a ferramentas estratéxicas de protección cidadá. O sistema proposto combina tecnoloxías de análise intelixente coa aplicación de solucións innovadoras como o propio Chivifire, buscando minimizar os danos ambientais e económicos provocados polos incendios mediante actuacións temperás e eficientes.
Ademais do recoñecemento institucional, o encontro serviu para abrir unha liña de traballo conxunta orientada a analizar a viabilidade destas propostas. O goberno municipal manifestou a súa vontade de estudar posibles fórmulas de colaboración co centro educativo e outros axentes implicados, co obxectivo de avanzar no desenvolvemento práctico das ideas presentadas e explorar a súa adaptación ao territorio.
A administración municipal reafirma así o seu compromiso coa innovación científica, o apoio ao talento local e a protección do medio rural, promovendo solucións nacidas nos centros educativos da vila e orientadas a dar resposta aos retos actuais do territorio.