ConcellosÚltima horaVilamartín

O Concello de Vilamartín pide colaboración para axudar aos animais do monte arrasado polo lume

Monte arrasado polo lume. /Foto: FB Concello de Vilamartín de Valdeorras.

 

Tras os recentes incendios, gran parte dos montes valdeorreses quedaron arrasados polo lume e os animais silvestres atravesan unha situación de escaseza de alimento e auga. “Corzos, xabaríns, raposos, ourizos e aves, entre outros, atópanse nunha situación de especial vulnerabilidade”, aseguran dende o Concello de Vilamartín, un dos máis afectados, que fai un chamamento “á colaboración veciñal mediante unha colleita de alimentos e auga que serán distribuídos en puntos seguros do monte”.

Tal como indican, os produtos máis adecuados son froitas como mazas, peras, uvas ou figos; verduras como  cenorias, cabazas, patacas crúas ou remolacha; sementes, castañas, landras; penso seco de can ou gato para pequenos mamíferos; e auga en recipientes baixos e estables. “É importante non achegar pan, leite nin alimentos procesados, xa que resultan prexudiciais para a fauna”, puntualizan, agradecendo de antemán a colaboración de todas as persoas que participen nesta iniciativa solidaria, que “contribuirá a paliar os efectos dos incendios sobre a fauna local”.

Dende o Concello indican que o punto de recollida ubicarase na porta da Casa Consistorial, publicando algúns consellos á hora de levar ao monte alimentos:

– ⁠Escoller puntos de paso, tamén no queimado. “Os cazadores e a xente da aldea coñece ben os lugares polos que transitan habitualmente. Onde haxa regatos ou caldeiras preto non é necesario deixar auga, é mellor levala ao queimado”.
– ⁠Deixar millo, cereal, hortalizas, froitas (agora hai moitas caídas e derramadas polos lumes)… “Tamén palla se é o que temos. Poden deixarse en montóns ou ciscados, especialmente os graos, para que os collan as aves”.
– ⁠Colocar a auga en garrafas ou depósitos de pvc a modo de barca, cortados por un lateral. “É importante poñerlle pedras dentro que sobresaian,para que os paxaros ou os insectos teñan onde pousarse e non afoguen cando vaia descendendo o nivel. Pódese rodear a garrafa con pedras para que non caigan e poñer algunha louxa para que recolla auga no caso de que chova”.

 

Back to top button