
O Concello do Barco aprobou a concesión de subvencións nominativas a diferentes entidades, correspondentes ao presente exercicio, por un montante total de 170.795 euros. “Para poder recibir as axudas, as organizacións beneficiarias teñen que cumprir tanto os obxectivos marcados para a aprobación das concesións, como dos prazos de xustificación establecidos nas bases das subvencións”, segundo informa o Concello do Barco.
Entre as entidades que recibirán axuda económica do Concello para gastos de funcionamento e realización de actividades hai asociacións benéficas e sociais, pero tamén culturais e clubes deportivos. O Centro Comercial Aberto recibe case que 21.000 euros, o Consello Regulador 15.000, a Fundación Florencio Delgado Gurriarán outros 10.000 e o Orfeón Valdeorrés 4.600 euros. As Anpas do municipio contan cunha axuda de 4.400 euros.
Outras entidades beneficiarias son a Cruz Roja (11.398), Cáritas (9.261), Asfaval (8.103) o Centro de Menores Arela (4.630), Morea (5.788), as asociacións Beda (3.472) e Proyecto Hombre (1.704), e a Asociación contra o Cancro (1.852).
Ao Inorde, o Concello do Barco apórtalle 6.000 euros para o Xeodestino, e a Ruta do Viño e a Asociación Camiño de Inverno reciben 1.000 euros cada unha. Asilival conta tamén con axuda do Concello, neste caso de 1.500 euros, e outras entidades, como a Asociación de enfermos de Fibromialxia e o Fondo Galego de Cooperación, reciben algo máis de 1.000 euros cada unha. No que atinxe ás entidades deportivas, o Concello aporta 27.890 euros para o Centro de Deportes Barco, 16.000 para o Club Adas, outros 5.600 para o Club Arco Barco, e 2.000 ao Club Peña Trevinca.