CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Concello do Barco confirma que se mantén o concerto de Abraham Cupeiro en Xagoaza

Foto: Diego Segade. 

 

Con respecto ao concerto de Abraham Cupeiro, previsto para a tardiña do venres 28 de agosto, o Concello do Barco vén de emitir un comunicado no que se indica que, “tendo en conta unha mellora significativa da previsión meteorolóxica para mañá, o Concello do Barco decidiu manter en data e hora o concerto que pechará o VII Ciclo do Terrasón do Barco, o espectáculo “Os sons esquecidos”, que terá lugar a partir das 21.30 horas, no adro da igrexa de San Miguel de Xagoaza (O Barco).

Desde o Concello do Barco, “pídese a colaboración cidadá para que a circulación de vehículos sexa o máis ordenada posible. Co obxectivo de evitar o cruce de vehículos, os asistentes accederán ao recinto pola vía que chega ao núcleo de Xagoaza desde Veigamuiños, pasando por Tremiñá, e sairán do recinto, unha vez rematado o evento, pola estrada de Cedie”.

Tamén se indica que, á zona do concerto “só se poderá acceder coa entrada oficial, excepto para os veciños de Xagoaza, que poderán transitar libremente, sempre respectando o trazado circular de entrada e saída”.

Dende o Concello tamén se prega “aos asistentes que acudan ao concerto, que fagan o posible por compartir vehículo e deste xeito non colapsar o espazo de aparcamento existente. Para estacionar o vehículo, deberán seguir as instrucións dos efectivos de Protección Civil e Policía Local. En canto remate o concerto – sobre ás 23:30 horas – normalizarase o tránsito de vehículos na zona”.

Back to top button