ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco pedirá unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada para o Distrito de Valdeorras

A moción, presentada polo BNG, saía adiante por unanimidade no pleno barquense. Tamén se aprobaba unha moción socialista “para avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas de saúde e mellorar a atención á saúde das mulleres de Galicia”

 

O Concello do Barco intará á Consellería de Sanidade “para que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou de enfermaría dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galiza (RTSUG-061) para o Distrito Sanitario de Valdeorras”. A decisión tomábase por unanimidade na sesión plenaria ordinaria que a Corporación barquense celebraba na tarde deste 9 de abril, xa que o conxunto dos concelleiros votaban a favor da moción presentada polo BNG neste senso.

Na moción, que defendía o voceiro nacionalista Manuel Agra, indíicábase que “por estas datas, téñense que comezar a definir as características do novo concurso de transporte urxente, é dicir, cantas ambulancias vai haber, de que tipo serán, e onde se localizarán, o que vén ser: como se vai  dimensionar a “Rede de transporte sanitario urxente de Galicia  (RTSUG-061)”. Así mesmo, lembrábase que “nunha emerxencia, precísase pois dar unha atención axeitada no tempo correcto, tendo sempre en conta que se o tempo de supervivencia é menor ao tempo de resposta o paciente morrerá antes de recibir a axuda axeitada”.

Agra expoñía que, “dada a situación xeográfica, a orográfica, a situación das vías de comunicación, a dispersión poboacional, a realidade socioeconómica deste distrito sanitario, que a actual situación dos recursos asistenciais da Rede de Transporte Sanitario Urxente da Galiza- 061 non contemple unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado é un feito grandemente discriminatorio e inadmisible para co Distrito Sanitario de Valdeorras, ademais de impropio dunha sociedade equitativa nun contexto socioeconómico e cultural coma o noso”. A iniciativa nacionalista tamén  lembraba como outros distritos teñen este recurso asistencial sexa “medicalizada, como contempla en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Foz, Ourense, Pontevedra, Vigo, Mos, Monforte de Lemos, A Coruña (dúas),e o Salnés; ou ben sexa de soporte Vital Avanzado de Enfermería como contempla na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lalín e Moaña”.

 

O concelleiro socialista de Sanidade, Orlando Saavedra, amosaba o apoio do seu grupo á moción e incidía en que esta “é unha necesidade que non ten matiz político. Non hai razón técnica para denegar, ano tras ano, este recurso ao noso distrito. Será orzamentaria, seguro que si, pero iso é unha decisión política, é unha mostra máis de que quen ten a responsabilidade de tomar as decisións en xestión sanitaria na comunidade, ignóranos, e como periferia que somos déixanos abandonados á sorte”. E resaltaba a importancia do tempo ante unha urxencia sanitaria. “Valdeorras existe e necesitamos ese recurso técnico, nin máis nin menos que esas áreas ás que fai referencia a moción. Cada un de nós, cada habitante da comarca e do distrito pode sufrir unha emerxencia que precisa duns medios que se nos negan”.

 

 

Pola súa banda, a voceira municipal do PP, Maite Estévez, pregúntalle a Manuel Agra que era exactamente o que pedía na moción, para, despois matizar que si existe unha ambulancia de soporte vital avanzado no distrito, entrando así nunha discusión co resto dos grupos, que aseguraban que iso non era certo. Finalmente, e pese ao debate xerado, a moción resultaba aprobada co apoio unánime dos tres grupos políticos.

 

 

Tamén resultaba aprobada por unanimidade, a moción presentada polo PSdeG-PSOE “para avanzar na incorporaación da perspectiva de xénero nas políticas de saúde e mellorar a atención á saúde das mulleres de Galicia”. Esta é unha iniciativa “que fala de saúde, pero tamén de igualdade”, comentaba o concelleiro Orlando Saavedra, ao inicio da súa exposición. Despois comentaba que “Galicia non pode quedar atrás neste proceso. Resulta necesario reforzar a investigación, mellorar a análise dos datos sanitarios, impulsar a formación do persoal sanitario, desenvolver estratexias específicas que aborden de maneira integral os principais retos da saúde das mulleres”.

Neste senso incidíase en que “as administracións públicas deben actuar de maneira coordinada. Mentres que os concellos poden contribuír dende o ámbito da prevención, da información e da promoción da saúde con accións de información e sensibilización sobre a saúde das mulleres, o desenvolvemento de actividades de educación para a saúde con enfoque de xénero e colaborando co sistema sanitario e co tecido social na promoción da saúde das mulleres”. E pedía, no apartado de acordos instar á Xunta de Galicia a: “incorporar de maneira efectiva a perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde, a recollida e análise de datos sanitarios desagregados por sexo, a investigación sobre enfermidades que afectan de maneira específica ou diferenciada ás mulleres, desenvolver programas de formación para o persoal sanitario sobre saúde e xénero e elaborar unha Estratexia Galega para a Atención Integral da Saúde das Mulleres, con especial atención ás enfermidades infradiagnosticadas, á saúde, menstrual e ao climaterio, e á saúde mental con enfoque de xénero”.

Dende o BNG, Noa Fernández, anunciaba o voto a favor do seu grupo á moción porque “se plantexa unha demanda histórica da nosa  organización”. Ademais facía fincapé a necesidades a atender neste senso cuestións relativas a atención ao parto e posparto e outras “deficiencias como o feito de que haxa que agardar etre 3 e 10 anos para recibir un tratamento por endiometriose. Tamén hai infradiagnósticos en enfermidades cardiovasculares”.

Tamén anunciaba o respaldo á moción o grupo municipal do PP. “Imos apoiala porque ten puntos moi necesarios”, aseguraba Maite Estévez.

Por contra, non resultaba apoiada, ao non votar a favor o grupo municipal socialista, a moción presentada polo PP, en concreto por José Luis Tamayo, para pedir a creación dun museo dedicado ao pintor barquense Jesús Díaz Ferrer, contando co fondo dunhas 400 pezas deste creador que están en mans dun veciño do Barco. “Imos relanzar e seguir publicitando a figura de Díaz Ferrer, pero a creación dun museo para el é complicado. Estamos cun proxecto de viabilidade dun museo da minería que incluiría unha sala polivalente que permitiría expoñer a obra de Díaz Ferrer ou a doutros creadores barquenses, ademais dos fondos de Valdearte”, respostaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.

Fotos: A.R.

Back to top button