
O Concello do Barco dá o sinal de saída á 58ª edición do Descenso Internacional do Sil, que terá lugar o sábado 12 de setembro ás 18 horas, no marco da programación das Festas do Cristo 2026, co primeiro paso, a posta en funcionamento da súa web oficial: https://www.descensointernacionaldosil.com/
“Tras un ano de traballo, mañá sábado día 1 de agosto, a concellería de Deporte e Xuventude porá a disposición dos interesados, información relativa ao folleto técnico que todos os clubs deportivos poderán descargar e que recolle os horarios, medidas de seguridade, categorías participantes, e o cartel anunciador da proba”, explican dende o Concello.
Ademais, na mesma web os usuarios poderán atopar información sobre o 6º Descenso Popular do Sil que se celebrará na mesma data, tendo igualmente acceso ao folleto técnico da proba coa información do cartel. “Haberá tamén á disposición do interesado, un acceso habilitado á pasarela de inscrición, obrigatoria para todo o que desexe participar, que dará opción de inscrición a aqueles participantes con embarcación propia, e tamén a aqueles que precisen embarcación, co fin de facer a reserva e pagamento no mesmo momento de formalizar a inscrición”, aseguran dende o Concello do Barco, adiantando que a web “tamén inclúe información sobre as demais actividades das Festas do Cristo, entre elas a xa habitual actuación dun dj que animará a Festas das Piraguas na zona do coñecido como “Rápido do Cachón”, co fin de animar á xente a participar”.
